"Choramos polo acontecido en Orlando, mais todos os días morren persoas LGTBI pola violencia"

En todo o planeta estanse celebrando dende onte actos de solidariedade CC-BY Fibonacci Blue

Na noite deste sábado Omar Siddique Mateen asasinou a 50 persoas nunha discoteca frecuentada pola comunidade gai en Orlando (Florida). No crime mestúrase o odio relixioso (o autor dixo actuar seguindo o chamamento do Estado Islámico) e tamén a LGTBIfobia que Mateen xa expresara previamente en varias ocasións.

Ao igual que veu sucedendo en distintos puntos do planeta nas últimas 24 horas, as entidades que en Galicia agrupan ao colectivo LGTBI en Galicia convocan para este luns pola noite concentracións en varias cidades. Os actos, impulsados por ALAS Coruña, Ultreia LGTBI, Nós Mesmas e Arelas, terán lugar ás 21 horas en Vigo (fronte ao MARCO), A Coruña (Obelisco), Compostela (Toural) e Lugo (fronte ao Concello). Convidan os e as asistentes a acudir con candeas aos actos, que terán unha duración de media hora. Falamos con algunhas das entidades que en Galicia agrupan ao colectivo máis directamente afectado pola matanza. Tamén en Pontevedra, organizada pola Marea, levarase a cabo unha concentración, na Praza da Peregrina, a partir das 20 horas.

Os actos, impulsados por ALAS Coruña, Ultreia LGTBI, Nós Mesmas e Arelas, terán lugar ás 21 horas en Vigo (fronte ao MARCO), A Coruña (Obelisco), Compostela (Toural) e Lugo (fronte ao Concello)

"Estamos consternadas, o masacre de Orlando é un dos ataques máis graves ao colectivo na historia recente. Agora que nos coma toda a comunidade a nivel mundial estamos a organizar o Orgullo e vemos que pasa isto nunha festa onde se está a celebrar, encóllesenos o corazón", destacan dende a Asociación Nós Mesmas. Consideran o sucedido como "unha mostra da homofobia existente". "Non é un caso illado, é consecuencia dunha sociedade que se constrúe dende a base cunha ideoloxía heteropatriacal na que crecemos, na que a LGTBIfobia campa as súas anchas. Ao horror do acontecido hai que sumarlle que en Florida está prohibida a doazón de sangue de persoas gais, lesbianas e bisexuais", din. "Feitos coma este demostran que non é que un home perdera a cabeza, senón que está sustentado por unha sociedade enferma", conclúen.

"Este ano houbo un crecemento das agresións por LGTBIfobia no conxunto do Estado español, e isto tamén é moi preocupante" -lembran dende Ultreia. "Xa só pensar que hai ideoloxías ou relixiosidades radicais que odian as persoas só polo feito de ser diferentes, é unha mostra de que temos quepreocuparnos e implicarnos para erradicar eses pensamentos", engaden.

"Parécenos terrible que sigan producíndose este tipo de crimes, que exista este odio cara a todo o que é diferente, cara a todo o que se aparta un pouco desas normas sociais que non sei onde están escritas, e que din como unha persoa debe ser e a quen debe amar", sinala Cristina Palacios (presidenta de ARELAS, Asociación de familias de menores trans*). "É terrible, porque estamos creando unha sociedade na que teñen que vivir os nosos fillos e fillas, algúns e algunhas delas LGTBI. Tentamos facer un mundo mellor para eles e elas, e cando ves novas coma estas, parece que imos cara atrás", engade.

"Non é un caso illado, é consecuencia dunha sociedade que se constrúe dende a base cunha ideoloxía heteropatriacal na que crecemos, na que a LGTBIfobia campa as súas anchas"

"Despois ves novas coma esta, ou hai pouco o asasinato de unha muller trans a mans de dúas persoas, ou as agresión que houbo en Madrid, ves o acoso que sofren os nosos fillos e fillas nos colexios. Ás veces custa crer, pero creo que traballando moito imos poder cambiar esta sociedade a mellor", destaca. "Queda seguir  traballando, seguir naturalizando unha realidade que está aquí e que todo o mundo é diverso, que todo o mundo é diferente, e que nesta sociedade hai espazo para todo o mundo, que se pode vivir en paz, sen medo a que che poida pasar algo por ser diferente", conclúe.

De igual xeito, para ALEAS-EU, o atentado de Orlando "é unha mostra do que a ignorancia e os prexuízos, así como o adoutrinamento, poden provocar. A LGTBIfobia de aquí é a mesma que a de alí ou que a de Arabia Saudí, é a mesma senrazón (como ben di Paco Tomás neste artigo), e é algo que non está solucionado nin de lonxe". ALEAS pide "educación en igualdade, denuncia do acoso e violencia, políticas e leis que defendan os nosos dereitos, formación dos corpos públicos, compromiso cidadán...", os instrumentos que poden axudar a reducir e eliminar este tipo de violencias de todo tipo. Lembra, con todo, que as agresións contra persoas do colectivo e os asasinatos se producen todos os días en todo mundo: "Agora choramos polo acontecido en Orlando, mais todos os días morren persoas LGTBI pola violencia en Asia, África, a outras danlles malleiras, outras suicídanse, outras poden morrer por non ter acceso a medicinas (por exemplo persoas con VIH)...". "Que isto non volva a suceder nunca máis en ningures requirirá de tempo e de grandes transformacións mundiais", conclúen.

 

Varias entidades convocan concentracións este luns Dominio Público Praza Pública
En todo o planeta estanse celebrando dende onte actos de solidariedade CC-BY Fibonacci Blue
Ás concentracións desta noite convídase aos e ás asistentes a acudir con candeas CC-BY US Embassy Wellington

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.