Os inspectores de saúde desconvocan a folga indefinida

Protesta de farmacéuticos inspectores de saúde CC-BY-SA CIG

Os farmacéuticos inspectores de Saúde Pública acordaron en asemblea, na tarde do pasado mércores, desconvocar a folga indefinida que mantiñan desde o 18 de maio. Fano para iniciar a negociación, que ofreceu conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña. 

Os farmacéuticos inspectores din acordar esta desconvocatoria nun "acto de responsabilidade" que esperan que sexa "correspondido por parte da Consellería de Sanidade coa inmediata convocatoria da mesa de negociación coas organizacións sindicais, presentando unha proposta concreta que permita resolver as múltiples eivas que ten pendentes de resolver este corpo de funcionarios".

O corpo de farmacéuticos inspectores de Saúde Pública, como aclaran nun comunicado, xa fixera "un xesto" para canalizar este conflito por medio do diálogo "desconvocando, desde o día 8 de xuño, todos os actos de protesta e reivindicacións que tiñan previsto realizar". "Con esta nova decisión non hai escusa para a Consellería de Sanidade de dilatar máis no tempo a negociación dun acordo xusto para ambas as dúas partes", rematan. 

O pasado 18 de maio o corpo de farmacéuticos inspectores de Saúde Pública (FISP) iniciou unha folga indefinida para reivindicar melloras na xestión da Sanidade Ambiental, un paro que conta co apoio de CIG, CCOO, CSIF e UGT. Estas organizacións sindicais denuncian que dende o inicio da folga, a Consellaría estivo a someter os empregados e empregadas a "presións", co obxectivo de facer fracasar a acción de protesta. En concreto alertan de que Sanidade leva a cabo "ameazas" e “ordes ilegais”, obrigando a realizar a totalidade do traballo programado con tan só a metade do persoal.

Protesta de farmacéuticos inspectores de saúde CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.