A Academia elimina do dicionario 'mongolismo' e limita mongólico á raza asiática

Entrada correspondente a mongólico no dicionario en liña da Real Academia Galega CC-BY-SA Praza Pública

A petición de Down Galicia foi atendida pola RAG en beneficio “dunha lingua máis digna, máis integradora e máis respectuosa”

A Real Academia Galega (RAG) vén de eliminar do seu dicionario a palabra mongolismo e de limitar mongólico ao relativo a esa raza asiática, cunha anotación na que indica que non debe utilizarse para referirse ás persoas con síndrome de Down. Así o decidiu o Seminario de Lexicografía da RAG logo da petición da Federación Galega de Institucións para a síndrome de Down (Down Galicia), que agradece á academia a súa contribución a eliminar acepcións pexorativas.

Unha busca de ambas palabras no dicionario en liña da RAG permite comprobar como xa non aparece mongolismo e como en mongólico, ademais de explicar que é un adxectivo que identifica algo “propio da raza mongol ou de quen polos seus trazos físicos se asemella aos individuos desta raza”, inclúe unha observación: “Non debe utilizarse esta palabra para referirse ás persoas con síndrome de Down”.

A Real Academia Española aínda relaciona ambas palabras coa síndrome de Down

O presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, considera “vital que entidades de relevancia como a Real Academia Galega” contribúan á inclusión xa que “a terminoloxía que se emprega na linguaxe ten moita importancia polas connotacións que leva asociadas”. Pola súa banda, a RAG agradece a Down Galicia a súa colaboración para “lograr entre todos unha lingua máis digna, máis integradora e máis respectuosa para con todos”. Conseguido o cambio no dicionario da RAG, o responsable de Down Galicia insta á Real Academia Española, á que se lle veñen realizando peticións no mesmo sentido, a facer o mesmo, dado que no seu dicionario segue a manter ambas palabras, mongolismo e mongólico, con acepcións relativas á síndrome de Down.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.