Por primeira vez todas as comarcas galegas presentan saldo vexetativo negativo

Os 14 únicos concellos nos que nacen máis persoas das que morren Dominio Público Praza Pública

Ames, Arteixo, O Porriño, Oroso, Salceda de Caselas, Poio, Cambre, Burela, Soutomaior, Culleredo, Narón, Pontevedra, Gondomar e Pontecesures. Son os 14 únicos concellos galegos nos que no 2015 naceron máis persoas das que morreron. Nas restantes 300 localidades do país o saldo vexetativo é negativo, segundo os datos provisionais de movemento natural da poboación publicados este venres polo IGE. Entre eles destaca nomeadamente o excelente dato de Ames (+185), Arteixo (+70), O Porriño (+57), Oroso (+46), Salceda (+44) e Poio (+26). E, igualmente, o de Burela, por ser o único concello non situado nas provincias occidentais.

No extremo contrario atopamos cinco das sete cidades do país: Lugo (-197), Ourense (-393), Vigo (-420), Ferrol (-523) e A Coruña (-556), con saldos vexetativos moi negativos. En 2014 eran 19 as localidades nas que aínda nacían máis persoas das que falecían. E en 2010 aínda eran 43.

Se botamos un ollo ao saldo vexetativo das distintas comarcas galegas, vemos como en 2015 en ningunha delas foi positivo. Santiago (-44), Terra de Ordes (-54) e A Barcala (-62) son as que presentan cifras máis achegadas ao equilibrio. E iso a pesar de que un ano antes Santiago (+103) e Vigo (+15) si tiñan un saldo positivo e de que en 2010 tamén A Coruña, Pontevedra, O Morrazo e O Salnés se unían a esas dúas zonas. É a primeira vez nesta serie histórica que todas as comarcas galegas presentan un saldo negativo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.