O fracking chega a Galicia (en barco)

Gaseiro na ría de Ferrol CC-BY-SA Susete

O fracking non ameaza directamente a Galicia, cando menos de momento, e non parece que o vaia facer nun futuro inmediato. O tipo de solo existente na nosa comunidade non é, pola súa dureza, o máis idóneo para levar a cabo esta técnica, a fractura hidráulica, consistente en rachar o subsolo cunha mestura de auga, area e produtos químicos a unha gran presión para así chegar ata bolsas dispersas de petróleo e gas natural. O Parlamento galego, de feito, pronunciouse en 2013 de forma unánime contra o fracking, unha práctica que si se podería aplicar noutras zonas do Estado, como Burgos ou Euskadi. O pasado ano PP, PNV e UPN aprobaron a reforma da Lei de Hidrocarburos que impulsa o fracking e que pretende recentralizar as competencias para evitar o veto dalgunhas autonomías á fractura hidráulica.

Non hai fracking en Galicia, pero este venres si que chegarán á comunidade, por vez primeira, os produtos resultantes desta técnica. Para hoxe está prevista a entrada na Ría de Ferrol dun buque que transporta gas obtido nos Estados Unidos a través de fractura hidráulica. Trátase do Sestao Knutsen, cunha capacidade de 135.000 m3. Será a segunda vez que unha carga deste tipo chegue a Europa, despois de que o pasado mes de abril un buque semellante atracase en Portugal.

40 plataformas e organizacións sociais (ecoloxistas, políticas, entidades contra o TTIP) asinaron un comunicado denunciando a entrada deste metaneiro na Ría de Ferrol. Ademais, coma sempre que entra un novo gaseiro en dirección a Reganosa, ás 20 horas está convocada unha concentración diante do Edificio da Xunta (Praza Amada García).

O comunicado subliña que "este acontecemento está cargado de simbolismo, na medida que representa o pistoletazo de saída á importación masiva ás nosas costas de gas doutro lado do Atlántico", o que "impedirá de seguro o cumprimento dos xa exiguos e insuficientes obxectivos climáticos europeos, e avanza na dirección oposta ao espírito do Acordo de París". Salientan que as importacións de gas de fracking estadounidense se producen ao abeiro das negociacións do TTIP con EEUU, e que en consecuencia o país norteamericano levantou a finais de 2015 unha prohibición establecida desde 1975 ás exportacións de gas.

Denuncian, igualmente, que "a aprobación por parte da Comisión Europea en febreiro pasado de varios documentos supón unha aposta explícita polo gas, a pesar de que a demanda europea vén caendo nos últimos años". Destacan, en particular, a Estratexia europea para o Gas Natural Licuado e o Almacenamento de Gas, que -din- "supón un auténtico empuxe á importación de gas natural, con recomendacións de investimentos milmillonarios en infraestruturas de gasodutos e capacidade de almacenamento e regasificación", que tería en España unha das súas principais portas de entrada ao continente.

"Este acontecemento está cargado de simbolismo, na medida que representa o pistoletazo de saída á importación masiva ás nosas costas de gas doutro lado do Atlántico"

O texto denuncia, así mesmo, que "grazas ao pulo brindado por diversos gobernos, entre eles o español, en forma de atractivos marcos normativos e fiscais, a ameaza do fracking en Europa segue vixente". E sinala que "a pesar dos abandonos por parte de diversas empresas, da oposición institucional crecente en forma de prohibicións ou moratorias, e a conseguinte redución no número de permisos solicitados ou concedidos, o fracking xa fixo unha tímida incursión no noso continente", nomeadamente en Polonia e Reino Unido. No estado español, hai varios permisos en avanzado estado de tramitación.

 

Gaseiro nas proximidades de Mugardos, en dirección a Reganosa CC-BY-SA Susete
Gaseiro na ría de Ferrol CC-BY-SA Susete
Pozo de extracción mediante fracking en Alemaña CC-BY-SA Battenbrook
Gráfico que denuncia os perigos do fracking para os acuíferos © http://goldenageofgaia.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.