O Colexio de Xornalistas pide mellorar o tratamento das novas sobre violencia machista

Acción simbólica en Vigo contra a violencia machista © Marcha Mundial das Mulleres

O Colexio de Xornalistas vén de lembrar a "necesidade de respectar as recomendacións sobre o tratamento da información sobre violencia machista". O CPXG advirte da recepción de "queixas de colectivos" sobre o xeito de tratar nos medios galegos algunha información relacionada con denuncias de agresións sexuais, polo que a xunta de goberno da entidade insiste na "necesidade de respectar o Código Deontolóxico do Xornalismo Galego (CDXG), así como as recomendacións da Declaración de Compostela".

Lembra a "necesidade de respectar as recomendacións sobre o tratamento da información sobre violencia machista" tras recibir "queixas" de varios colectivos

Así, o Colexio insiste na necesidade de “observar sempre unha clara distinción entre feitos e opinións ou interpretacións, evitando [...] a difusión de suposicións e rumores”, tal e como se indica no código deontolóxico, e de “difundir unicamente informacións fundamentadas, evitando en calquera caso afirmacións ou datos imprecisos e sen base dabondo, que poidan lesionar ou menosprezar a dignidade das persoas e provocar un dano ou descrédito inxustificados”.

"As especulacións, especialmente aquelas que poidan redundar en culpabilización das vítimas, non teñen cabida nun xornalismo responsábel", asegura o CPXG, que aclara que as agresións sexuais están contempladas como violencia de xénero dentro da Declaración de Compostela (art. 2), polo que cómpre lembrar que ”ante este este tipo de delitos non cabe a neutralidade” e que os medios deben adoptar “un compromiso activo na denuncia da violencia de xénero”.

O CPXG pide “unha clara distinción entre feitos e opinións ou interpretacións, evitando [...] a difusión de suposicións e rumores”

Nun comunicado, o CPXG cre "especialmente grave" a aparición de estereotipos "que poidan xustificar en calquera maneira a agresión sexual ou responsabilizar a vítima": “a vítima nunca é responsábel do feito violento, polo que é preciso evitar un tratamento informativo que a culpabilice”. Ademais, apela ao artigo 10 do devandito CDXG, que recolle a obriga de “observar escrupulosamente o principio de presunción de inocencia nas informacións e opinións relativas a causas ou procedementos penais en curso”.

O CPXG apela así á "responsabilidade" dos medios de comunicación galegos para "respectar estes e outros artigos do Código Deontolóxico e da Declaración de Compostela á hora de informar sobre denuncias de agresións sexuais". "Só así se pode conseguir un xornalismo comprometido coa fin desta lacra que significa unha violación dos dereitos humanos e un atentado contra a liberdade e a dignidade das persoas", remata. 

Concentración contra a violencia machista en Vigo CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.