0 Gardados para despois

Os peores incendios do verán queiman máis de 800 hectáreas en Caldas, Cotobade e Mondariz

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


De novo, Cotobade. Unha década despois de que este municipio pontevedrés tornase na 'zona cero' da peor vaga de lume en Galicia en dúas décadas, a súa contorna volveu sufrir dende este luns en primeira persoa o ataque das lapas. O incendio que comezaba pouco despois das cinco da tarde na parroquia de Tenorio acabou chegando a Pontevedra e arrasando unhas 365 hectáreas, segundo a última estimación da Xunta. Non moi lonxe, en Caldas de Reis, outro incendio queimaba outras 290 hectáreas, e algo máis ao leste, en Mondariz, un terceiro incendio afectaba a outras 160 hectáreas. En total, xa máis de 800 hectáreas. Nos tres casos desaloxáronse vivendas pola proximidade do lume, igual que ocorreu na tarde deste martes cun incendio polo momento de menor tamaño en Redondela.

O que, a priori, se agardaba que fose un incendio de menores dimensións derivaba a media tarde en que a Consellería de Medio Rural decretase a media tarde a coñecida como "situación 2" pola "proximidade a núcleos habitados", nomeadamente ao lugar de Vilanova, onde viven unhas 200 persoas que puideron regresar ás súas casas na mañá deste martes. A intensidade do lume obrigou a que, ademais dos medios da Xunta -cando Medio Rural estimaba que arderan unhas 200 hectáreas actuaban alí 10 brigadas e 9 helicópteros, entre outros medios- tivese que despregarse a Unidade Militar de Emerxencias.

Unha zona especialmente poboada foi tamén a afectada polo lume en Caldas, na parte baixa do monte Xiabre. A "situación 2" obrigou na parroquia de Saiar a ordenar a evacuación dunhas dez vivendas, así como instalacións industriais do polígono do Pousadoiro. Ese nivel de alerta desctivouse pouco despois do mediodía deste martes.

A mesma medida preventiva motivada polo achegamento do lume a zonas poboadas houbo que tomala no incendio orixinado na parroquia de Queimadelos, en Mondariz. Ás 10.25 horas deste martes Medio Rural daba por rematado o risco para as vivendas e, pouco despois, consideraba o lume "estabilizado".

Ás 16.01 horas da tarde deste martes iniciouse outro incendio en Soutomaior que ao longo da tarde aproximouse ao núcleo de San Martiño de Ventosela, en Redondela, o que fixo que tamén alí fose preciso desaloxar vivendas.

Parque Natural de Corrubedo

Estes incendios producíronse despois de que, na media noite do domingo ao luns, comezasen outros dous no concello de Ribeira que afectaron a unhas 95 hectáreas de terreo, das cales 39, segundo as estimacións da Xunta, forman parte do Parque Natural das Dunas de Corrubedo. O espazo protexido, o máis visitado de Galicia, que integra tamén as lagoas de Carregal e Vixán, ten unha superficie total de 996 hectáreas.

Os lumes comezaron con menos de media hora de diferencia nos extremos sur e norte do espazo protexido e requiriron do traballo de 24 brigadas, tres helicópteros e dous avións

Segundo a Consellería do Medio Rural, ás 00.30 horas deste luns iniciouse un incendio na parroquia de Carreira, ao sur do parque natural. A Xunta deu o lume por extinguido na mañá deste martes grazas ao traballo, entre outros, de tres helicópteros, dous avións e 20 brigadas. Segundo as súas estimacións, afectou a 81,7 hectáreas, das cales 26 están dentro do perímetro do parque.

Media hora despois de iniciarse ese lume, ás 00.58 horas comezou outro na parroquia de Olveira, ao outro lado do espazo protexido, no seu extremo norte. Ese segundo lume afectou a 13 hectáreas, todas elas do parque natural. Neste segundo incendio traballaron catro brigadas.

Na península do Barbanza tamén se rexistrou outro incendio, dunhas 30 hectáreas, na parroquia de Leiro do concello de Rianxo. 16 brigadas e un helicóptero traballaron alí desde que se rexistrou o lume, ás 21.42 horas do domingo, ata que se deu por controlado ás 9.17 horas da mañá do luns.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Máis de cen incendios activos en Portugal obrigan a cortar a A1 Porto-Lisboa

As elevadas temperaturas destes días están a agravar os xa tradicionais problemas de Portugal cos incendios forestais. Este luns hai activos, fundamentalmente na metade norte do país, máis dun cento de lumes que mesmo obrigaron a cortar a autoestrada A1, que conecta Porto con Lisboa, á altura de Aveiro e a A41, que circunvala Porto, ao leste da cidade, ao seu paso por Gondomar. No Distrito do Porto foi activado un plan de emerxencia que recomenda evitar calquera desprazamento e que activa reforzos procedentes do resto do país. Este luns os bombeiros lograron controlar un dos incendios máis importantes, o que desde hai varios días está a afectar o parque de Peneda-Gerês, na fronteira con Galicia.