"Se non contas con nós, non contes co noso voto"

Presentación da campaña, este xoves en Pontevedra © O Soño de Lilith

Asociación Teenses pola Igualdade, O Soño de Lilith, Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega, Asociación Rede provincial Pontevedra pola Igualdade e a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia presentaron este xoves en Pontevedra unha proposta de medidas feministas, que instan a atender aos partidos de cara ás eleccións do vindeiro 25 de setembro. A campaña, baixo o lema "Se non conto, non voto" e "Se non contas con nós, non contes co noso voto", inclúe 39 medidas concretas e busca que as forzas políticas "se comprometan a favorecer un gran acordo político pola igualdade en Galicia e para a erradicación das violencias machistas".

A campaña inclúe 39 medidas concretas e busca que as forzas políticas "se comprometan a favorecer un gran acordo político pola igualdade en Galicia e para a erradicación das violencias machistas"

"Consideramos que as políticas de igualdade, que coa crise sufriron grandes recortes, son un investimento ineludible para unha democracia plena e de calidade e non un gasto prescindible coa escusa de que os recursos son escasos", destacan. "Unha democracia plena debe ter en conta ás persoas por riba dos mercados e basearse na plena igualdade de oportunidades, de trato e de consideración entre homes e mulleres, que está aínda lonxe de lograrse", engaden. "As nosas propostas non son partidistas. Facémolas desde a nosa autonomía de mulleres feministas e estamos convencidas de que mellorarán a vida da cidadanía no seu conxunto", conclúen.

O documento pide "garantir os recursos que fagan posible a implementación das políticas de igualdade", impulsar nos primeiros seis meses de lexislatura un "plan galego de emprego feminino” e reactivar o Plan de Atención Integral á Saúde da Muller de Galicia.

En materia formativa, demanda "contar con profesionais especialistas en igualdade nos centros educativos que deseñen e impartan contidos en materia de igualdade entre mulleres e homes e contra as violencias machistas" e "formar e incorporar persoal específico con perspectiva de xénero para atender a diversidade afectivo-sexual nos centros educativos e na sociedade en xeral, así como traballar de maneira directa co colectivo LGTBIQ+".

Propón, igualmente, "penalizar as organizacións e empresas privadas que non cumpran coa paridade nos seus órganos de dirección". E, de igual xeito, "utilizar a linguaxe inclusiva e non sexista en todas as institucións e organismos públicos e oficiais".

Propón "penalizar as organizacións e empresas privadas que non cumpran coa paridade nos seus órganos de dirección"

Busca, así mesmo, "erradicar o sexismo" e aposta por "sancionar administrativamente ás empresas que cometan accións de discriminación salarial ou profesional por cuestións de xénero" e "non destinar fondos públicos a ningún acto ou evento onde se faga apoloxía da cultura machista ou se reproduzan estereotipos patriarcais".

Pide "perseguir a explotadores e proxenetas e sancionar ao cliente" e "retirar subvencións públicas a toda empresa que ofreza ou anuncie servizos de contactos ou prostitución"

Na loita contra a violencia machista, prevé "instar ao goberno central a que se considere como violencia machista toda agresión sufrida por unha muller" e aposta por "darlle o mesmo tratamento ás vítimas mortais por violencia machista que ás vítimas mortais por terrorismo".

A campaña diríxese tamén contra a industria da prostitución, propoñendo "perseguir a explotadores e proxenetas e sancionar ao cliente" e "retirar subvencións públicas a toda empresa que ofreza ou anuncie servizos de contactos ou prostitución".

Pide tamén "non implantar a custodia compartida imposta como réxime de primeira orde nos supostos de crise de parella" e "garantir que nos procedementos penais incoados por violencia machista sempre prevalecerá a protección dxs menores, así como a suspensión cautelar do réxime de visitas".

Demanda igualmente "poñer os medios necesarios para implementar decididamente a Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias".

Aposta pola "recuperación do dereito a decidir das mulleres de 16 e 17 anos sobre a súa propia maternidade"

Aposta, finalmente, pola "recuperación do dereito a decidir das mulleres de 16 e 17 anos sobre a súa propia maternidade" e por "repoñer a rede de COF e os Centros QUÉROTE+ dotándoos de medios necesarios para o seu correcto funcionamento".

 

Presentación da campaña, este xoves en Pontevedra © O Soño de Lilith
Presentación da campaña, este xoves en Pontevedra © O Soño de Lilith

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.