0 Gardados para despois

As estudantes expedientadas por protestar contra Luciano Méndez acusan a USC de "amparar" o seu "discurso de odio"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"Xa che dixen o primeiro día que me desconcentraba o teu escote. Empéñaste en traer escote ata o embigo". O pasado mes de febreiro, estas palabras de Luciano Méndez, profesor da Facultade de Economía da USC, deron lugar a unha protesta dun grupo de alumnos e alumnas, que abandonou a aula. A reacción da USC limitouse a cambiar de clase á estudante á que se dirixira Méndez e a abrir unha investigación, incrementando o malestar nunha parte da comunidade universitaria. En marzo nove alumnas do Máster de Xénero, Igualdade e Educación decidiron levar a cabo unha acción noutra das clases impartidas polo docente. Hai unhas semanas, a USC anunciou a imposición dunha sanción de dous meses sen emprego e soldo ao profesor Luciano Méndez que, con todo, manterá as súas horas de clase no curso que está a piques de comezar. Ademais, notificoulles a dúas das estudantes que levaran a cabo a acción de denuncia a apertura dun expediente disciplinario, considerando a súa protesta como posible falta leve, o que pode desembocar mesmo na perda de matrícula.

Este grupo de alumnas e alumnos da USC considera "inaceptable" a apertura deste expediente disciplinario, "posto que implica que esta institución ampara o reiterado discurso de odio de Luciano Méndez"

Este grupo de alumnas e alumnos da USC considera "inaceptable" a apertura deste expediente disciplinario, "posto que implica que esta institución ampara o reiterado discurso de odio do profesor Luciano Méndez". Defenden que levaron a cabo unha "protesta pacífica e lexítima que reivindicaba un trato igualitario e o dereito a unha educación comprometida cos valores da igualdade e da non discriminación, e garante do principio da igualdade de xénero, tal como consta no Decreto 14/2014 do 30 de xaneiro polo que se aproban os propios estatutos da USC". Engaden que a Universidade de Santiago só actuou contra Méndez "ante a presión da atención mediática e a opinión pública" e consideran que "a sanción de dous meses sen emprego e soldo é totalmente insuficiente, posto que se ten reafirmado repetida e publicamente no seu discurso de odio".

Salientan que Méndez "demostrou a súa incapacidade para dar aulas, especialmente a mulleres novas, con declaracións que poden incluso chegar a xustificar a violación". Refírense a un artigo publicado en La Voz de Galicia, a xeito de xustificación, no que afirmaba que “a testosterona é unha hormona complicada, pode ser unha aliada que estimule e motive e pode ser tamén o peor dos inimigos, que faga o varón vulnerable e débil. Controlala, manexala en beneficio propio é labor de toda unha vida”.

Salientan que Méndez "demostrou a súa incapacidade para dar aulas, especialmente a mulleres novas, con declaracións que poden incluso chegar a xustificar a violación"

Así mesmo, sinalan que "todo o proceso disciplinario deuse de xeito opaco, sen garantías legais, imputando feitos inespecíficos e intentando relacionar o protesto pacífico con danos materiais sen especificar, dos que non sabemos nada, coa intención de deslexitimar a nosa protesta ideolóxica".

As alumnas e alumnos acusados pola USC presentaron esta mañá un recurso de alegacións, no que esixen a desestimación do expediente disciplinario. Así mesmo, reiteran a súa petición de que o profesor sexa apartado da docencia. No documento enumeran algunhas das intervencións de Méndez, tanto na aula (“se queres levar un escote até o embigo por favor diríxete á última fila”, “para vir así ven sen nada, ou vente directamente en pezonera ou directamente ensínanos as tetas”, “se fose machista dábache unha hostia”, “vou desfrutar das tetas das túas compañeiras”,) coma nos medios de comunicación ("A min vai a seguir alterándome un escote excesivo").

Convocan, finalmente, unha concentración diante do Rexistro Xeral da USC (praza do Obradoiro) o xoves 8 de setembro ás 12h da mañá, "onde son benvidas todas as persoas que queiran amosar o seu apoio, reclamarlle á USC un posicionamento claro respecto ao dereito á liberdade de expresión e á non discriminación, ou descubrir se pasan a proba do escotímetro".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.