0 Gardados para despois

A mala calidade das agullas para as inxeccións de insulina, denunciada xudicialmente

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena


SOS Sanidade Pública presentará este mércores nos xulgados de Compostela unha denuncia contra o SERGAS pola mala calidade das agullas usadas para as inxeccións de insulina por parte dos e das enfermas de diabetes. Nos últimos meses a plataforma foi recollendo as queixas de máis dun cento de pacientes na área sanitaria de Santiago e da propia Asociación Compostelana de Diabéticos alertando de que as novas agullas proporcionadas polos centros da Consellaría de Sanidade presentaban numerosas deficiencias, provocando dor no momento de usalas, hematomas e chegando mesmo a romperse. Na denuncia, SOS Sanidade Pública incorpora varios destes casos, documentados, e por exemplo unha radiografía practicada a unha usuaria na que se observan os restos de cinco agullas aloxadas no seu abdome.

Os e as pacientes denuncian que as novas agullas presentan numerosas deficiencias, provocando dor no momento de usalas, hematomas e chegando mesmo a romperse

Hai tres anos o SERGAS adxudicou o contrato de subministro de agullas a unha nova empresa, que lle ofrecía un prezo menor, co consecuente aforro económico. Porén, semella que a calidade ofrecida non está á altura dos anteriores instrumentos. Xosé María Dios, voceiro de SOS Sanidade Pública en Compostela, demanda que o SERGAS recupere cando menos o contrato anterior, para garantir a calidade nos subministros e o benestar do pacientes. "O aforro que a Consellería acadou foi nimio", salienta. "Estas agullas rompen, provócanlle moita dor a algunhas persoas e temos que ter en conta que hai pacientes, sobre todo nenos e nenas, que deben pincharse tres ou catro veces ao día", explica. "Ademais" -engade- "hai outro problema, pois as agullas non axustan ben, non pechan correctamente, extravásase a propia insulina, impedindo administrar a cantidade exacta, e provocando risco de hiperglucemia e hipoglucemia".

Hai tres anos o SERGAS adxudicou o contrato de subministro de agullas a unha nova empresa, que lle ofrecía un prezo menor, co consecuente aforro económico

Nos últimos meses SOS Sanidade Pública xa alertou desta situación á Consellaría e á Xerencia de Atención Primaria de Compostela, sen obter unha solución. Tamén presentou unha reclamación ante a Valedora do Pobo, que lla trasladou ao Goberno galego, desbotando finalmente a petición, unha vez que dende a Xunta se argumentou que o contrato destas axudas fora adxudicado por unha comisión e mediante un procedemento axustado á lei. "Os políticos non pensan nos usuarios, seguramente pensan nas leis e nas normas, pero non están mirando polas consecuencias destas decisións", critica Xosé María Dios, que lembra que en Galicia hai 300.000 persoas diagnosticadas de diabetes, aínda que hai aínda "moitas máis non diagnosticadas", engadindo que "cada vez hai máis nenos e nenas" con esta enfermidade.

As críticas pola mala calidade das agullas, máis baratas, repítense noutras comunidades autónomas

Non é a primeira vez nin o de Galicia é o único caso no que os e as pacientes de diabetes alertan da mala calidade do material fornecido polo sistema público de saúde. En Asturias o Goberno autonómico accedeu a retirar as agullas "low cost" ante as denuncias dos colectivos de enfermos. E en Andalucía as críticas contra a Junta por buscar unicamente o aforro económico repetíronse nos últimos meses. Hai dous anos, igualmente, o PSdeG-PSOE levou ao Parlamento a denuncia da carencia de agullas de pediatría, adaptadas especialmente para que os nenos e nenas poidan pincharse e administrarse a insulina de forma menos dolorosa.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.