0 Gardados para despois

O Sergas négase a debater a sentenza que penaliza a sucesión de contratos temporais

Redacción | @prazapublica

O SERGAS non aceptou tratar na mesa sectorial cos sindicatos a aplicación da sentenza europea que considera ilegal a sucesión de contratos temporais para cubrir prazas fixas, unha práctica moi estendida na sanidade pública galega. As centrais querían propoñer a convocatoria dunha oferta de emprego de carácter excepcional que rematase coa actual situación de temporalidade, de xeito que todas as prazas estruturais cubertas mediante sucesión de contratos eventuais se declarasen prazas vacantes e se cubriran por rigoroso orde de prelación das listas de contratacións. Porén, o asunto nin sequera puido ser debatido.

As centrais querían propoñer a convocatoria dunha oferta de emprego de carácter excepcional que rematase coa actual situación de temporalidade

"Nesta reunión o SERGAS pediunos que tranquilizásemos ao persoal, e que cando se constituía o goberno, despois do día 21, xa falaremos", explica a CIG. Para CCOO, a consolidación do emprego é un obxectivo "ineludible", así como "imprescindible para rematar coa sangrante perda de emprego por mor das taxas de reposición e a escasa e fraudulenta contratación". Comisións propoñía unha oferta de empredo de 3.500 prazas e defende que a convocatoria se realice sen que iso implique incremento orzamentario, é dicir, que consista en prazas orzadas que, ou ben están ocupadas por persoal interino, ou ben se manteñen sen cubrir. CCOO pide a "inmediata reconversión" dos chamados contratos de servizos determinados en contratos interinos, nos termos en que así o ditamina a normativa.

Os sindicatos remitiron o pasado 26 de setembro un escrito á Dirección de Recursos Humanos solicitando unha mesa sectorial. Aínda que ata se constitúa o novo Gobeno galego, o vindeiro 21 de outubro, non se podería aprobar ningún tipo de convocatoria de empredo, as centrais sindicais reclamábanlle á Consellaría "un compromiso" para "ordear o cadro de persoal", anticipándose ás decisións que poida adoptar a Xustiza, en base á sentenza europea.

As centrais sindicais reclamábanlle á Consellaría "un compromiso" para "ordear o cadro de persoal", anticipándose ás decisións que poida adoptar a Xustiza, en base á sentenza europea

O Tribunal da UE sinala que os nomeamentos de duración determinada non poden renovarse ano tras ano para desempeñar funcións permanentes e estables incluídas na actividade normal do persoal estatutario fixo. Esta práctica é frecuente en numerosos ámbitos do sector público, sobre todo na Sanidade, e en Galicia é realizada de forma habitual polo SERGAS, que nos últimos anos foi reducindo o seu número de prazas, cubrindo as necesidades de persoal con substitucións de moi curta duración, encadeadas de forma sucesiva, cun evidente prexuízo para os traballadores e traballadoras pero tamén para a calidade da atención que reciben os e as pacientes. Nun ano chegaron a facerse ata 100.000 contratos. A taxa de reposición consolidou esta estratexia, contribuíndo á progresiva destrución de postos de traballo na sanidade pública galega.

Hai dúas semanas o Xulgado do Contencioso-administrativo nº 2 de Vigo obrigou o Sergas a recoñecer a nove auxiliares de enfermaría como indefinidas, creando as prazas que ocupan como prazas estruturais, despois de que encadeasen sucesivos contratos temporais desde os anos 2008 e 2009.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.