0 Gardados para despois

Alumnado dun instituto de Lugo leva as mulleres do rueiro da cidade ás axendas escolares

Redacción | @prazapublica

Olimpia Valencia, primeira licenciada en Medicina en Galicia. María Castaña, líder das revoltas contra os impostos do bispado lucense no século XIV. Concepción Arenal, escritora e defensora dos dereitos das mulleres presas. Enriqueta Otero, mestra e guerrilleira. Son algúns dos nomes de mulleres que figuran no rueiro de Lugo e, durante este curso, formarán parte tamén das axendas escolares do IES Ánxel Fole, no barrio da Piringalla da capital lucense, cuxo alumnado recibiu este mércores medio milleiro de exemplares dunha axenda elaborada nas aulas, por estudantes e mestres dentro do proxecto Antídotos contra a violencia de xénero e no programa Por 365 días de respecto e igualdade.

A Deputación lucense e o Concello da cidade colaboraron na edición dunha axenda que, coordinada polos docentes Felisa Redondo e Miguel Ángel Martínez, aposta por "dar a coñecer os perfís" destas mulleres referentes entre a poboación máis nova. "A través desta axenda fomentamos e reivindicamos a igualdade entre homes e mulleres" mediante "o coñecemento da vida de homes e mulleres que participaron e participan activamente no devir da historia da provincia e do país", sinalou durante a entrega o vicepresidente da entidade provincial, Álvaro Santos, responsable da área de Igualdadae da Deputación.

"Tanto as Administracións como a cidadanía temos a obriga de loitar para conseguir a igualdade de pleno dereito, porque é un valor esencial e porque é cousa de todos", agrega a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen durante o acto co estudantado do Ánxel Fole subliñou que a educación debe ser un eixo esencial neste eido. "A sociedade -di- non pode renunciar ao que achega a muller".

O alumnado do IES Ánxel Fole escolleu a escritora e profesora Carmen Blanco como protagonista da axenda para "achegar a visión feminista que se desprende da súa vida e obra"

Visións coma estas, afirman ambos responsables institucionais, son as que fican reflectidas nunha publicación que ten este ano como protagonista, ademais das mulleres do rueiro de Lugo, á profesora e escritora Carmen Blanco, que tamén participou no acto deste mércores. A escolla de Blanco por parte do alumnado, din, ten a intención de "achegar a visión feminista que se desprende da súa vida e da súa obra". A autora, lembran, publicou "grandes ensaios sobre a liberdade das mulleres e dos h omes fronte a todos os poderes".

Así, na entrevista con Carmen Blanco que ocupa as primeiras páxinas da axenda estudantes do Ánxel Fole conversan coa escritora a respecto do feminismo, dos modelos de parella, do papel da muller na literatura ou do seu labor profesional. Textos de autoras como Ana Romaní e Luz Pozo Garza e resumos das actividades realizadas a prol da igualdade realizadas no instituto durante o pasado curso completan esta axenda escolar.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.