Un músico, unha zoqueira, un webmáster... O futuro da lingua galega con música e humor

Cartaz de LGx15 Dominio Público LGx15

Un músico estadounidense, unha zoqueira, un webmáster, unha poeta, un labrego, un e unha blogueira, unha comunicadora e unha costureira de internet falando sobre o futuro do galego. Iso, xunto con música e humor é o evento LGx15. Así definen os organizadores un acto que terá lugar o vindeiro xoves 24 de novembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela.

O LGx15 transmite de maneira "visual, entretida e divertida" ideas, argumentos e consellos para "influír positivamente sobre o futuro do galego"

Constará de oito charlas breves nas que se transmitirán de maneira "visual, entretida e divertida" ideas, argumentos e consellos para "influír positivamente sobre o futuro do idioma". Os protagonistas serán Alberte Lamazares (labrego, que tratará un dos principais usos da lingua: falar), Belén Regueira (comunicadora, convertida ese día en conselleira para neofalantes), Elena Ferro (zoqueira, quen falará sobre a necesidade de defender o noso), Diana Fernández e David Díaz (blogueiras de Bolboretas no bandullo, que mesturarán ingredientes culinarios e lingüísticos), Marcus Fernández (webmáster de Código Cero, que falará das TIC en galego), María Yáñez (costureira de Internet, que demostrará que hai vida despois do Xabarín coa primavera “millennial”), Mark Wiersma (músico estadounidense, quen nos levará até o ano 2050 coa lingua e o son) e Rosalía Fernández Rial (profesora e poeta, que aclarará como a nosa lingua é latente de todas as demais).

Será a segunda edición do LGx15 e no que as intervencións dun máximo de 15 minutos tratarán de lingua, pero tamén de tecnoloxía, de música, de artesanía, de gastronomía, de autoaxuda, de underground... "Diferentes temas para axudar a reflexionar sobre o futuro da nosa lingua con novos argumentos e alento reforzado", explica a organización, que anuncia tamén música en directo, humor e improvisación a través do grupo Poetarras. O acto será conducido polos regueifeiros Josiño da Teixeira e Luís O Caruncho.

"Diferentes temas para axudar a reflexionar sobre o futuro da nosa lingua con novos argumentos e alento reforzado"

"Un formato novo para falar do futuro da lingua e intentar influír no imaxinario colectivo arredor do idioma lanzando propostas, mensaxes, experiencias e ideas", insisten desde LGx15. As entradas xa están á venda ao prezo de 6 euros (en www.salacapitol.com, e fisicamente nos próximos días na tenda A Reixa de Compostela). O día do evento, en caso de quedaren dispoñibles, custarán 10 euros na billeteira).

A primeira edición do LGx15 tivo lugar en novembro do pasado ano, e nela participaran Luís Iglesia, Xurxo Mariño, Lara Tigre, Manuel N. Singala, Carmen Grimaldi e Xosé Lois Vilar, ademais das actuacións de AldaoLado, Alba María e Xenderal. E os vídeos desas diversas charlas poden verse en Youtube.

LGx15 está organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. 

  • Podes mercar aquí as entradas para o LGx15
Cartaz de LGx15 Dominio Público LGx15

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.