O acto de resistencia da 'Coluna Sanfins', recoñecido 80 anos despois

Parte dos traballadores e traballadoras das minas de Sanfíns, en Lousame © Sociedade Histórica e Cultural 'Coluna Sanfins'

Este domingo 30 de outubro as vellas minas de Sanfins (Lousame) acollerán ás 11 horas unha homenaxe -organizada por CNT Galiza e a Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins- aos mineiros que en 1936 combateron durante días contra o alzamento fascista, xusto no ano no que se conmemora o 80 aniversario daqueles feitos. O pasado mes de xullo Lorena Cuevas e Eliseo Fernández publicaron un pequeno libro -Breve historia da Coluna Sanfins- que recolle a historia deste grupo de traballadores que arriscaron as súas vidas nos primeiros días da sublevación militar franquista.

A CNT lanzou ademais unha campaña de crowdfunding para financiar unha serie de actos de homenaxe á Coluna Sanfins, que inclúen a instalación dun monumento, un roteiro, a edición do libro e palestras con especialistas. "A historia da Coluna Sanfins é bastante descoñecida. Moitas veces ouvimos que na Galiza non houbo resposta ao golpe fascista de 36 e isto é incorrecto, pois houbo moitos exemplos de resistencia e este é un deles", destacan. A homenaxe comezará por unha palestra -"O papel dos mineiros en Lousame, na Barbanza e na Galiza"- na que intervirán Xerardo Agrafoxo, Pepe Sendón, Joám Evans, Lorena Cuevas e Eliseo Fernández

Nos anos 30 funcionaban en Sanfíns (Lousame) varias minas de wolframio e estaño, nas que traballaban centos de persoas. Unha boa parte estaban afiliadas á CNT, que constituíu en 1933 a súa agrupación sindical, integrando ao redor de 360 traballadores no segundo bienio republicanos e mantendo unha importante actividade en defensa dos seus dereitos laborais ante a empresa, de capital británico. O 18 de xullo de 1936, coñecido o levantamento militar no norte de África, estes mineiros comezan a organizarse con rapidez. Ás dúas da tarde dese mesmo 18 lánzase unha convocatoria para concentrarse na vila de Noia en apoio da República.

Dende alí trasládanse a Compostela e máis tarde a Ordes e A Coruña. "En combate con tropas regulares con armamento e preparación militar, os sindicalistas da CNT de Sanfins só contaban coa dinamita que usaban no seu traballo de mineiros e, malia todo, foron quen de manter os militares acuartelados en Compostela ao seu paso pola cidade e manter a resistencia por varios días e recuperar parte da cidade da Coruña nos combates polas rúas", destacan Cuevas e Fernández. Estes feitos recóllense na Crónica de Claro J. Sendón, publicada na obra colectiva Cómo se enfrentó al fascismo en toda España.

Explican, ademais, que "a resultas do seu combate, moitas das integrantes da Coluna Sanfins e do movemento libertario de Lousame e da súa comarca foron asasinados, padeceron o cárcere, a represión e a persecución". Porén, queren facer fincapé, máis que no seu carácter de vítimas, no "seu elevado exemplo de rebeldía e reivindicación". Unha vez que a totalidade de Galicia é controlada polas tropas nacionais, unha boa parte destes mineiro aínda formou parte das iniciativas de resistencia aos militares alzados, tanto nas tropas milicianas (é o caso do célebre Batallón Galicia) como máis tarde nas organizacións clandestinas e na guerrilla antifranquista.

"Non desexamos lembrarnos do pasado para doernos dos padecementos das persoas que sufriron a represión franquista, senón para remarcar os ideais e os combates que fixeron deles homes e mulleres perseguidas. Para erguer tamén a súa memoria como exemplo das posibilidades do traballo mancomunado de homes e mulleres a prol dunha nova organización social", destacan. "A memoria da Coluna Sanfins é tamén a memoria das xentes de Lousame, Noia, Compostela, Ordes, Coruña e de toda a Galiza, que participaron na resistencia ao golpe militar: mineiros da Pontenova e Viveiro, carrilanos de Verín e A Gudiña, traballadores pesqueiros de todo o litoral, o operariado organizado de Ferrol, Vigo, Lugo, Monforte, Vilagarcía ou Tui, e as labregas e labregos rebeldes de todo o país", conclúen.

Capa do libro © CNT Galiza
Parte dos traballadores e traballadoras das minas de Sanfíns, en Lousame © Sociedade Histórica e Cultural 'Coluna Sanfins'
Escola propiedade do sindicato © Sociedade Histórica e Cultural 'Coluna Sanfins'
Monumento que se instalará en Sanfíns © CNT Galiza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.