Os recortes sociais provocan "pobres máis pobres"

Acto de presentación da memoria de Cáritas © Cáritas Santiago

"Emerxencias por impagamento de recibos" como a luz, a auga ou a comunidade de veciños, axuda para facer fronte ao pagamento da vivenda, asistencia para sufragar o comedor escolar ou simplemente alimentos. Son algunhas das peticións que, convertidas en verdadeira "avalancha", ten que afrontar diariamente Cáritas, a organización non gobernamental nada ao abeiro da Igrexa católica pero con financiamento, funcionamento e patrimonio autónomos. Os seus representantes en Santiago veñen de presentar a memoria de actividades da organización correspondente ao ano 2011, un documento que transcende o entorno da capital galega non só en cifras senón tamén en diagnósticos que poden ser resumidos nun: os recortes sociais apoiados na crise económica fan que as persoas "pobres" sexan cada vez "máis pobres".

O escenario no que se move a asistencia a unha pobreza cada vez "máis intensa e crónica" non deixa lugar ás dúbidas sobre a súa crueza. En máis de 60.000 fogares galegos xa non entra ingreso ningún, lembra o responsable de publicación da ONG en Compostela, Javier García Sánchez, e esta pobreza "afecta principalmente" á banda máis moza da poboación, persoas entre 16 e 24 anos que xa non tiveron oportunidade de  asentar proxecto vital ningún, esencialmente pola "precariedade do emprego creada nos últimos anos, onde priman os baixos salarios e a temporalidade". En toda Galicia máis de 20.000 persoas estań en serio "risco de exclusión social", engade.

Estas reflexións teñen tamén a súa tradución en cifras. O aluvión de peticións de axuda provocou que, só en Santiago, as asistencias de Cáritas aumentasen un 159,21% entre 2010 e 2011, con 71.598 persoas atendidas. A maior parte destas axudas préstanse nos servizos de atención primaria da organización, polos que no mesmo período pasaron case 60.000 persoas, un 13,19% máis que en 2010, pero un 699,11% máis que en 2007, ano no que precisaron acudir a Cáritas apenas 7.400 persoas. Tamén os servizos máis especializados viron incrementada a súa demanda, é o caso por exemplo da asistencia a persoas con problemas de drogodependencias, cun 189% máis ou a atención á muller, que subiu un 112%.

Servizos prestados por Cáritas Santiago
Servizo Diferenza 2010-2011
Atención primaria +13,19%
Atención á muller +112,74%
Axuda a persoas sen fogar +6,9%
Asistencia a persoas drogodependentes +189,55
Total dos servizos +159,21%

"As medidas adoptadas non están afrontando a crise, están aumentando aínda máis o empobrecemento e a desigualdade"

Ao contrario do que adoita acontecer nalgunhas descricións xenéricas sobre a pobreza os responsables de Cáritas Santiago non morden a lingua á hora de enumerar as causas desta situación, dunha "sociedade máis dual" entre persoas con recursos e aqueles que carecen dos bens máis básicos. O director da entidade, José Antonio Mouriño, ten claro que o incremento da pobreza ten na crise económica a súa casua e esta, á súa vez, é "consecuencia do actual modelo de organización económica e social, un terreo abonado á codicia e á especulación". Neste contexto, Mouriño amósase convencido de que "as medidas adoptadas" dende os gobernos "non están afrontando a crise, senón que están aumentando aínda máis o empobrecemento e a desigualdade".

É precisamente esa "ineficacia e escasa resposta da Administración ás vítimas da crise" o que provoca o espectacular aumento "de xente nas parroquias e nos centros de atención primaria" de Cáritas. Pero "cando a demanda de axuda é acuciante", "máis asistimos ao recorte" de prestacións públicas e tamén das achegas á propia organización non gobernamental. "Paira sobre os nosos proxectos o sempre difícil capítulo das restricións económicas", engade García Sánchez, nun contexto no que, lamenta, as "persoas na rúa" só "son noticia cando se produce algunha morte.

Acto de presentación da memoria de Cáritas © Cáritas Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.