Un xuíz ordena executar un desafiuzamento na Coruña por ser "o mellor" para a afectada

Concentración ante a Audiencia Provincial da Coruña © Marea Atlántica

Un xuíz da Coruña ordenou que continúe o proceso que acabará co desafiuzamento dunha muller por parte dunha entidade bancaria por considerar que é "o mellor" para ela. O polémico auto do maxistrado do xulgado de primeira instancia número 11 da Coruña, César Gozález, ditaminou a favor de que siga o procedemento de execución de desaloxo desta veciña ao considerar que ten vantaxes para ela malia considerar abusivo o contrato do banco. 

O xuíz considera que continuar o proceso de desaloxo é "o mellor" para a afectada malia asumir como abusivo o contrato da hipoteca

A afectada, Sandra Cotelo, membro de Stop Desafiuzamentos, presentou recurso contra a sentenza este venres na Audiencia Provincial, onde estivo apoiada por un cento de persoas que se concentraron contra a decisión do xuíz. O caso é que o maxistrado asegura no auto que a cláusula de vencemento anticipado que figura no contrato da hipoteca -e que a muller pagou durante seis anos seguidos- é "abusiva", polo que a causa debería ser declarada nula. No entanto, considera que debe levarse a cabo a execución hipotecaria e baséase nun comentario do Tribunal Supremo de hai case un ano no que insta aos xuíces a non facer interpretacións maximalistas da lei e a non paralizar ou arquivar todas as execucións para non prexudicar aos afectados nalgúns casos. 

"Os xuíces non teñen por que decidir polos afectados", di Sandra Cotelo

A propia Sandra asegurou que "os xuíces non teñen por que decidir" por ningún dos afectados polos desafiuzamentos e que o que deberían facer é "preguntarlles" o que é mellor para eles e deixar a decisións nas súas mans. A afectada vive na vivenda coa súa filla e insiste en que a execución hipotecaria non é solución ningunha porque "sempre queda débeda" tras o proceso de venda por poxa.

A veciña afectada só deixou de abonar seis cotas dunha hipoteca co Banco Santander que ten 480 en total. De feito, pagou todos os recibos durante seis anos até que quedou en paro. Pediu a dación en pago pero non lle responderon e foi denunciada por impago. Así, apela a unha cláusula que establece que non pagar unha cota supón xa a violación do contrato e que é considerada abusiva polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TUE). 

"A lei é clara e di que se a claúsula é abusiva procede o arquivo do proceso; ademais, os tribunais españois deben ter en conta que as sentenzas do TUE están por riba", asegura o seu avogado, José María Erauskin, que pide "que se cumpra a lei e non se fagan interpretacións" e que lembra que o Santander "está acollido ao código de boas prácticas". O letrado mantén a esperanza de que "en cinco ou seis meses" se resolva o recurso e se remate co proceso. De non ser así, advirte, levará o caso ao Tribunal Constitucional e, no seu caso, ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Ademais, ameaza con reclamar ao Estado unha indemnnización pola mala actuación dun dos seus tribunais en última instancia, no caso de que se confirmase o desafiuzamento. 

O avogado da afectada confía en que se arquive o proceso pero, de non ser así, levarao ao Constitucional e ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos

O avogado, alén disto, advirte que de aplicarse a lei estritamente "podería haber un arquivo de moitas execucións, os bancos poderían dar menos crédito e habería máis dificultades para comprar vivenda en propiedade". Iso, di, pode ser a clave destas polémicas sentenzas. Ademais, advertiu que o caso de Sandra non é o único e que, a maioría deles -tamén na cidade- acaban seguindo o seu curso ata o desafiuzamento tras non recurrirse o ditame xudicial. 

Na concentración convocada por Stop Desafiuzamentos A Coruña participaron tamén o alcalde da cidade, Xulio Ferreiro; a voceira nacional do BNG, Ana Pontón; o parlamentario de En Marea, Antón Sánchez; o deputado no Congreso pola mesma formación, Antón Gómez-Reino; o portavoz municipal do PSOE, José Manuel Dapena; ou a súa homóloga do Bloque, Avia Veira. 

Concentración ante a Audiencia Provincial da Coruña © Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.