Expulsado ao Paraguai por non ter traballo malia vivir desde os cinco anos en Compostela

Aeroporto internacional de Asunción (Paraguai) CC-BY-SA FF MM

Desde que tiña cinco anos en Galicia, vivindo con súa nai en Compostela desde hai 14, detido desde o pasado martes e expulsado o sábado ao Paraguai. O motivo: non ter atopado traballo para poder regularizar a súa situación. Ese é o drama dun mozo veciño de Santiago de 19 anos que se atopa agora no país latinoamericano, obrigado polas autoridades e afastado da súa familia por mor do desemprego que lle impediu conseguir os papeis que evitasen esa viaxe. 

Un mozo veciño de Compostela de orixe paraguaia que vive en Galicia desde os 5 anos foi expulsado ao non ter traballo e non regularizar a súa situación

Aló, no Paraguai, o mozo "non ten familia ningunha", tal e como advirte o Foro Galego de Inmigración, entidade que vén de alertar do caso e que confirma a expulsión do rapaz por parte da policía desde o aeroporto madrileño de Baraxas e vía Perú, desde onde acabou en Asunción, capital dun país co que non ten vínculos desde que emigrou a Galicia. 

A súa familia, ao igual ca el, reside en Compostela desde hai 14 anos e o seu irmán pequeno xa naceu en Galicia. Ademais, viviu durante algúns de todos estes anos baixo a tutela da Xunta de Galicia. Ao cumprir a maioría de idade, e perder tamén a súa condición de menor tutelado, foi expulsado xa con 19 e logo de non atopar emprego. A delegación do Goberno en Galicia referendou a expulsión engadindo, informa a TVG, que o mozo tiña "dilixencias abertas".

A súa familia, ao igual ca el, reside en Compostela desde hai 14 anos e o seu irmán pequeno xa naceu en Galicia

"Tivo un procedemento de expulsión que a policía converteu en resolución firme a executar xa", explican desde o Foro, que condena a "inxusta e brutal expulsión exprés" do mozo. "Non entendemos o asañamento que supón facer efectiva a expulsión deste rapaz, que podía quedar co procedemento de expulsión aquí e coa posibilidade, pola vía de arraigo social, de arranxar a súa situación legal en España", asegura a entidade, que pediu á cidadanía que enviase correos ou mensaxes a través das redes sociais á Policía para frear a expulsión que finalmente se levou a cabo. 

Desde Esquerda Unida cualifican de "brutal e inhumana" a expulsión, que consideran "contraria a dereito". Coinciden así coas queixas do Foro Galego de Inmigración, que esixe a derrogación da Lei de Estranxeiría, na que se base a deportación. A familia medita presentar un recurso contencioso-administrativo, pero o proceso xudicial demoraría bastante a posibilidade do regreso e nin tan sequera o garantiría.

"Énchesenos a boca co que Trump pode chegar a facer, pero casos coma este non nos deixan en bo lugar", di Martiño Noriega

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, xa pediu a volta do veciño deportado logo de reunirse co embaixador do Paraguai en España, de visita en Galicia, ao que lle pediu explicacións. Segundo asegurou na Cadena SER, o diplomático non tiña coñecemento da deportación nin tampouco o rexedor. "É unha situación que se escapa do sentido común porque non ten arraigo familiar" no seu país de orixe e debería ter sido tratado "con todos os dereitos que teñen os veciños de Compostela", dixo o alcalde, que cualifica de "inaceptable" a expulsión. "Ás veces énchesenos oa boca co que Donald Trump pode chegar a facer, pero casos coma este non nos deixan en bo lugar", insistiu. 

A Xunta asegura que tivo coñecemento do caso polos medios de comunicación

Por outra banda, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, dixo que a Xunta non ten constancia de "ningún expediente aberto por parte dos servizos sociais da comunidade autónoma" sobre o caso do veciño expulsado e asegura que o Goberno galego tivo "coñecemento" da súa situación polos medios e que non pode dar "datos concretos" sobre o tema. 

Rey Varela di "respectar" a decisión tomada polas autoridades pero avanza que solicitará "información" sobre a situación na que se atopa o mozo.

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Manifestación do Foro Galego da Inmigración CC-BY-SA Foro Galego da Inmigración

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.