0 Gardados para despois

'Nove meses na brasa e tres na casa'

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Un total de 626 traballadores do Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia (Spdcif) veñen de ser cesados, ao cumprir os 9 meses de contrato de traballo que a Consellería de Medio Rural estipula para eles neste ano 2016. Representan case un terzo dos ao redor de 1.900 que conforman a totalidade do servizo e únense aos 436 profesionais cesados o pasado 30 de setembro que tiñan contratos de 3 meses.

Así pois, os equipos de loita contra o lume, encargados tamén de realizar tarefas de prevención, traballos preparatorios e aquelado de puntos de auga quedan reducidos a menos de mil para toda Galicia. Nunha época na que tampouco funcionan as brigadas municipais nin os equipos de empresas como ou Natutecnia.

A Asociación Profesional Apropiga denuncia a situación laboral precaria que sofren estes traballadores fixos-descontinuos, pertencentes ás diferentes categorías profesionais de bombeiros forestais que forman parte deste servizo público: emisoristas, oficiais de incendios, vixilantes fixos, condutores de vehículos motobomba, e persoal de brigadas. Volverán ser contratados a finais de febreiro ou comezos de marzo, en función de como se presente a climatoloxía nese momento. Cúmprese para eles, á inversa, un dito habitual na profesión en Galicia: "Tres meses na brasa e nove na casa" (para os brigadistas que só son chamados no verán).

Pero ademais, dende Apropiga sinálase o prexuízo que estes ceses causan no propio servizo, limitando moito os labores de prevención "que se deben desenvolver nos períodos de baixo risco" e deixan moi minguada a capacidade de loitar contra os incendios que se poden producir no inverno, que -lembran- son habituais en períodos de tempo seco coma o que vivimos estes días e que continuará a vindeira semana. De feito, alertan de que nos últimos anos se vén constatando unha cada vez maior "desestacionalización dos incendios forestais".

"De todos é coñecido o principio de que unha boa prevención nos meses de menor risco reducirá, en boa medida, a virulencia e intensidade dos lumes nos meses de maior incidencia de incendios forestais. Pero para que isto se cumpra consideramos que é fundamental contar con todos os medios dos que dispón a Consellería", subliñan. Dende a entidade destácase que "a continuidade destes traballadores non supón un custo inasumible para as arcas públicas xa que pasarían, de cobrar o subsidio por desemprego, a cobrar por facer labores de prevención e extinción para as que son moi necesarios. E a administración deixaría así de malgastar os cartos de todos cando privatiza servizos públicos cara a empresas privadas que ela debería asumir directamente".

Convén lembrar que no que vai de ano xa arderon máis de 20.347 hectáreas en Galicia, nun total de 2.350 incendios forestais, unha das peores cifras dos últimos tempos. "Para que o ano que ven non se volva repetir o deste verán, é preciso realizar a prevención necesaria que permita o traballo dos medios para tentar evitar a propagación dos incendios forestais cando se produzan", conclúen, sinalando que "un modelo eficaz non pode basearse na fragmentación, a privatización e a precarización dos seus traballadores, senón nun modelo público e único".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.