Galicia supera a media do Estado en matemáticas, lectura e ciencias no informe PISA

Alumnos dun instituto de Educación Secundaria galego © Xunta

Os alumnos galegos de 15 anos melloran notablemente en matemáticas e en lectura e manteñen o seu nivel en ciencias, segundo os datos do Informe do Programa para a Avaliación Integral de Alumnos (PISA) do pasado ano 2015 e que se vén de facer público este martes. 

O estudantado galego mellora cinco puntos en matemáticas e dez en lectura e mantense en ciencias

Tal e como destaca o estudo, o rendemento dos estudantes desa idade en Galicia mellorou cinco puntos ne matemáticas, até chegar aos 494, con respecto ao informe anterior de 2012. Ademais, sobe en dez puntos en lectura, até os 509, e mantense en ciencias como hai tres anos, nos 512 puntos. 

Nun informe PISA que por primeira vez achega datos de todas as autonomías nas tres competencias, as dierenzas de rendemento entre os diferentes territorios volven ser importantes, e tamén entre moitas destas comunidades e a media estatal. En canto ao estudantado galego, os resultados son superiores nos tres indicadores aos do conxunto estatal.

A caída da puntuación media no informe facilitou a chegada do Estado á media da OCDE

En definitiva, España conseguiu chegar a media da OCDE en PISA 2015, un achegamento que facilitou en boa parte a caída desa puntuación media de referencia en matemáticas, lectura e ciencias. Os estudantes españois, ademais, melloraron nas dúas primeiras competencias, segundo as primeiras conclusións do Ministerio de Educación sobre os datos que deu a coñecer o organismo internacional.

A nota dos alumnos e alumnas españois iguálase á media da OCDE en ciencias -a competencia medida con maior detemento nesta edición- con 493 puntos, supérana en lectura con 496 fronte a 493 e quedan lixeiramente atrasados en Matemáticas con 486 puntos, catro menos que a media de 490. En PISA 2012, a distancia entre os resultados españois coa nota media era de entre cinco e dez puntos, unha diferenza que desaparece pola caída desa media en 2015: sete puntos menos en Ciencias, catro por baixo en Matemáticas e tres puntos inferior en Lectura.

Este achegamento de resultados tamén o explica, ademais, unha mellora de case dez puntos en lectura entre 2012 e 2015: de 486 a 496 puntos. Tres puntos escalan os estudantes en Matemáticas, pero fan o camiño inverso en Ciencias, con tres embaixo. Estas últimas variacións son en termos estatísticos poucos significativas ao tomarse as medidas sobre unha puntuación total de 500.

Galicia sitúase no terceiro posto autonómico no rendemento en ciencias

De repararmos na táboa por autonomías, en ciencias, Castilla y León obtén 519 puntos, situándose a 46 puntos de distancia de Andalucía (473) e por diante da media estatal e dos países da OCDE (493) e a UE (495). A Castilla y León séguenlle Madrid (516), Navarra e Galicia (512), Aragón (508), Catalunya (504), Asturias (501), La Rioja (498), Castilla-La Mancha (497), Cantabria (496) e Comunitat Valenciana (494). Xa que logo, o rendemento do estudantado galego sitúase no terceiro posto do podio empatado co navarro. 

Por debaixo da media sitúanse Balears (485), Murcia (484), Euskadi (483), Canarias (475), Extremadura (474) e Andalucía (473). Os autores do informe indican que máis do 50% da variabilidade nas puntuacións medias autonómicas explícase polo Índice Social, Económico e Cultural (ISEC). Así, advirten que as que teñen un maior nivel socioeconómico, como Madrid, obteñen mellores resultados que as menos favorecidas, como é o caso de Andalucía. Non obstante, nesta ocasión, Castilla y Léon, Galicia e Castilla-La Mancha logran puntuacións significativamente máis elevadas do agardado polo seu nivel socioeconómico e cultural, ao contrario que o País Vasco.

Castilla y Léon, Galicia e Castilla-La Mancha logran puntuacións significativamente máis elevadas do agardado polo seu nivel socioeconómico e cultural

Todas as circunstancias que se xuntan no ISEC responden case nun 40% ás ddistancias na puntuación. Son a ocupación profesional e o nivel educativo das familias -o factor que máis inflúe, con ata 60 puntos de diferenza- e os recursos disponiblles no fogar (número de libors ou dispositivos dixitais). 

Na área de matemáticas, Navarra lidera a táboa con 518 puntos, a 66 puntos de Canarias (452), por diante da media estatal (486) e da OCDE (490) e a UE (493). En segundo lugar sitúase Castilla y León (506), La Rioja (505), Madrid (503), Aragón e Catalunya (500), Cantabria (495), Galicia (494), Euskadi e Asturias (492) e Castilla-La Mancha (486). Por debaixo da media de España (486), Comunitat Valenciana (485), Balears (476), Extremadura (473), Murcia (470), Andalucía (466) e Canarias (452).

En lectura, lidera a táboa Castilla y Léon (522), con 47 puntos máis que Extremadura (475), en última posición, e por diante da media do Estado (496), a OCDE (493) e a UE (494). En segundo lugar, Madrid (520), seguida de Navarra (514), Galicia (509), Aragón (506), Cantabria (501), Cataluña (500), Castilla-La Mancha e Comunitat Valenciana (499) e Asturias (498). País Vasco e La Rioja (491), Murcia (486), Baleares (485), Canarias (483), Andalucía (479) e Extremadura (475) son as que menor rendemento presentan en lectura.

Con estas cifras, o conxunto de España ocupa o posto 21 en competencia lectora (ao nivel dos Estados Unidos ou Reino Unido), o 25 en habilidades matemáticas (como Islandia ou Italia) e o 24 en habilidades científicas (á altura de Suecia e Francia). No top da lista de Lectura están Canáda (527) e Finlandia (526); Xapón (532) e Corea do Sur (524) en Matemáticas; e de novo Xapón (538), Estonia (534) e Finlandia (531) en Ciencias.

"Un verdadeiro éxito en situación de crise"

Logo de coñecerse os resultados, a Xunta reaccionou con euforia e nun comunicado destaca que Galicia "obtén os mellores resultados da súa historia" nos tres ámbitos analizados e cre que "se confirma unha tendencia de mellora continua, tanto en termos absolutos coma en comparación co resto das autonomías". "Os datos confirman que o sistema educativo galego é o máis equitativo dos países que participan no estudo", di.

Este dato, que se obtén tras analizar a influencia do contexto sociocultural nos resultados académicos do alumnado, "confirma o esforzo da Consellería de Cultura e Educación por garantir un acceso á educación en condicióins de igualdade para todo", asegura o departamento. 

"Os datos confirman que o sistema educativo galego é o máis equitativo dos países que participan no estudo", di a Xunta

O Ministerio de Educación felicitouse polos datos porque, interpretan, "por vez primeira rompe a brecha educativa e España sitúase ao nivel dos países máis avanzados do mundo", dixo o ministro Íñigo Méndez de Vigo na presentación dos resultados. O Director Xeral de Avaliación incidiu tamén no "verdadeiro éxito" que supón que "nunha situación de crise, España conseguise aumentar en dúas competencias avaliadas".

A taxa de repetidores en España -un 31%- supón unha cifra "realmente alarmante"

Aínda que Educación impregnou a presentación de datos de optimismo, chamou a atención sobre o que ao seu xuízo -e o de PISA- é un problema considerable: a taxa de repetidores. Un de cada tres alumnos e alumnas de 15 anos está a repetir curso (un 31%), unhas cifras "realmente alarmantes polo que supoñen de custo social e económico para o país". Son 20 puntos máis que a media europea.

As probas realizáronas en España 37.000 alumnos de 980 centros de todas as comunidades autónomas no segundo semestre de 2015 cando aínda non se implantara a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), que é a etapa na que se atopaban os estudantes examinados, a maioría do último curso (4º).

Nesta ocasión, o informe céntrase sobre todo nas ciencias. A OCDE define esta competencia como a capacidade do estudante de involucrarse en cuestións relacionadas coa ciencia, de poder participar en discusións razoadas neste ámbito, explicar fenómenos científicos e interpretar datos.

A lectora, segundo esta organización internacional, permite aos alumnos entender textos escritos, reflexionar, desenvolver os seus coñecementos e participar na sociedade. A matemática defínea como a capacidade para formular, empregar o razoamento matemático nunha variedade de contextos e tomar decisións ben fundadas.

Méndez de Vigo, este venres ante a prensa no palacio de La Moncloa © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.