0 Gardados para despois

De quen é o monte? É lexítimo que os cazadores monopolicen o seu uso?

Redacción | @prazapublica

Todos os anos -principalmente na tempada habilitada, nesta ocasión do 16 de outubro ao 6 de xaneiro- os montes galegos énchense de cazadores (ao redor de 50 mil persoas contan cunha licenza). E todos os anos reábrese o debate sobre o dereito de todos os cidadáns e cidadás a gozar do monte, como camiñantes, en bicicleta ou realizando calquera outra actividade. Actividades que en moitos casos se ven ameazadas ou limitadas pola presenza das armas de fogo. Estas precaucións en varias ocasións non foron suficientes e os disparos dos cazadores feriron ou mataron non só a outro cazador, senón a persoas alleas a esa actividade que, simplemente, se atopaban nese lugar.

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) esixe que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza regule esta actividade para incrementar a seguridade de quen practican a caza e, sobre todo, dos excursionistas, ciclistas ou veciñanza que tamén goza do monte no outono. "Lamentablemente, os graves accidentes de caza continúan a producirse en Galicia e afectan non só a cazadores senón tamén a cidadáns que simplemente pasaban por alí”, destaca a SGHN, que sinala especialmente o perigo das batidas: "os lugares onde se realizan batidas de caza maior empregando munición de bala non están axeitadamente sinalizados e calquera cidadán pódese poñer en liña de fogo inadvertidamente", salienta.

"Os lugares onde se realizan batidas de caza maior empregando munición de bala non están axeitadamente sinalizados e calquera cidadán pódese poñer en liña de fogo inadvertidamente", salienta a SGHN

A entidade lembra que "pola contra, en moitas probas deportivas (por exemplo carreiras pedestres ou ciclistas, rallies, etc.) é habitual o despregue de medidas de seguridade: anuncios en medios de comunicación, páxinas web e redes sociais, valados, sinais, corte da circulación en rúas e estradas e presenza de protección civil, policía local ou garda civil que advirten aos cidadáns da súa celebración". "Por iso resulta de todo punto incomprensible que non se obrigue a sinalizar a realización de actividades moito máis perigosas como as batidas con munición de bala en todolos camiños, pistas e estradas de acceso á zona onde se está levando a cabo", engade.

Pide que a Xunta "non autorice a realización de batidas con munición de bala os días de maior afluencia de cidadáns aos montes: festivos e fins de semana"

A SGHN realízalle catro demandas concretas á Dirección Xeral de Conservación da Natureza. En primeiro lugar esixe que "con cando menos 15 días de antelación anuncie na súa páxina web cada batida que se autorice, indicando a data, o horario e a delimitación exacta da superficie para a que se concede o permiso". Ademais, pídelle que "estableza a obligatoriedade de sinalizar axeitadamente a realización de batidas con munición de bala en todolos camiños, pistas e estradas de acceso á zona onde se está levando a cabo, e que se mobilice á gardería de medio ambiente e a Protección Civil para controlar ditos accesos e así garantir a seguridade das persoas". Así mesmo, demanda que "comece a realizar controis de alcoolemia ou sustancias psicotrópicas entre todos os cazadores". E, finalmente, suxírelle que "non autorice a realización de batidas con munición de bala os días de maior afluencia de cidadáns aos montes: festivos e fins de semana". 

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.