A túa medula ósea regala tempo

Imaxe da campaña Dominio Público Praza Pública

Un grupo de estudantes da Facultade de Xornalismo da USC vén de iniciar unha campaña para concienciar o alumnado das tres universidades galegas sobre a importancia de converterse en doantes de medula ósea. A campaña Regala Tempo naceu como un traballo académico, pero xa se converteu nunha iniciativa máis ampla, que está a dar os seus primeiros pasos de difusión nas redes sociais, a través da publicación de tres vídeos nos que, por un lado, se explica en que consiste esta doazón e, ademais, se presentan dous casos de doante e receptora deste material.

"A raíz de que Sara, unha das integrantes do grupo, se interesou por facerse doante de medula vimos que había unha serie de prexuízos instaurados sobre este aspecto. Trátase dun proceso moi sinxelo no que tan só che extraen unha mostra de sangue e a partir de aí, quedas inscrito no banco mundial de doazóns ata que apareza un posible doante", explican.

"Trátase dun proceso moi sinxelo no que tan só che extraen unha mostra de sangue e a partir de aí, quedas inscrito no banco mundial de doazóns ata que apareza un posible doante"

Inciden, sobre todo, na simplicidade do proceso (apenas unha extracción de sangue coma a que se realiza nunha análise) e na importancia que este xesto pode ter para a vida dunha persoa que necesite esa transfusión dese tipo de células: "Aínda que as opcións de atopar alguén compatible son limitadas, con este pequeno xesto pódese axudar a moita xente que o precise. No caso de atopar a alguén compatible, o que se faría sería a extracción dun determinado tipo de células para transplantarllas ao paciente enfermo. Porén, esta operación apenas require hospitalización e non produce ningún efecto secundario no doante".

"Dado que idade na que se pode empezar a doar son os 18 anos, decidimos orientar a nosa campaña cara os universitarios que están na mellor franxa de idade para facerse doante. Canto máis antes doen, máis tempo estarán nese banco mundial de doazóns e, polo tanto, terán máis probabilidade de atopar alguén compatible", engaden.

Destácase que a medula ósea non é o mesmo que a medula espinal e que a súa extracción e doazón son igualmente moi diferentes, sendo o proceso da medula ósea moito máis sinxelo

A campaña busca, entre outros obxectivos, achegar información e desbotar falsas impresións sobre os procedementos. Destácase, primeiro, que a medula ósea non é o mesmo que a medula espinal e que a súa extracción e doazón son igualmente moi diferentes, sendo o proceso da medula ósea moito máis sinxelo: Doar medula ósea non interfire en ningún sentido coa columna vertebral nin co sistema nervioso do corpo humano. A medula ósea é o tecido que se atopa no interior dos ósos e é o lugar onde se produce o sangue porque contén as células nai. Estas células tamén se atopan no sangue do cordón umbilical e da placenta. 

Os irmáns e irmás son os mellores doantes para un paciente que necesita un transplante de células proxenitoras do sangue. Porén, só entre un 25% e un 30% dos pacientes ten a posibilidade de atopar un doante familiar compatible. A alternativa a esta carencia de doante familiar é recorrer aos doantes voluntarios inscritos nos rexistros internacionais de doantes. Estes rexistros internacionais constitúen a Rede BMDW, que agrupa a 75 rexistros de 52 países con máis de 28 millóns de doantes efectivos.

Só entre un 25% e un 30% dos pacientes ten a posibilidade de atopar un doante familiar compatible. A alternativa a esta carencia de doante familiar é recorrer aos doantes voluntarios inscritos nos rexistros internacionais de doantes

No proceso de transplante, normalmente (70% dos casos) dóase mediante unha citoaférese ou doazón de sangue periférico. Unha vez feita a doazón, o produto obtido  adminístrase ao paciente coma se fose unha transfusión. Ás veces (30% dos casos) tamén pode extraerse a medula do óso dun doante mediante punción das cristas ilíacas (óso da cadeira). O único efecto secundario da doazón de medula ósea mediante punción é a posible dor na zona de punción; dor que normalmente desaparece en menos de 48h e contrólase con analxésicos comúns. A punción efectúase en quirófano e baixo anestesia xeral, e ten o mesmo risco que calquera operación que implique unha anestesia xeral de curta duración.

A campaña inclúe outras testemuñas, coma as de Jessica Rodríguez e Cristina Piñeiro, doante e receptora de medula, que relatan a importancia que para elas supuxo este proceso

A campaña inclúe outras testemuñas, coma as de Jessica Rodríguez e Cristina Piñeiro, doante e receptora de medula, que relatan a importancia que para elas supuxo este proceso. No segundo caso, evidentemente, porque a xenerosidade doutra persoa lle regalou tempo e vida. No primeiro, porque tomou a decisión despois de que á súa nai lle diagnosticasen unha leucemia.

Jessica Rodríguez e Cristina Piñeiro contan as súas historias como doante e receptora de médula Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.