Tan só a provincia de Lugo escapa do acentuado descenso de nacementos no último lustro

Moitas zonas da provincia de Lugo e do interior da da Coruña rexistraron máis nacementos no último lustro Dominio Público Praza Pública

No quinquenio 2011-2015 naceron en Galicia 101.467 nenos e nenas, case dez mil menos que no lustro anterior (110.903 entre 2006 e 2010). Isto supón un descenso do 8,51%, que se engade á caída continuada das décadas anteriores, acentuando o problema de envellecemento que sofre o conxunto da comunidade e nomeadamente as zonas rurais. Porén, analizando os datos concello a concello, obsérvanse algunha localidades e comarcas que están a mellorar os seus datos, ou que cando menos non o empeoran. 

Sorprenden, en conxunto, os datos da provincia de Lugo, onde no último lustro houbo case o mesmo número de nacementos (10.836) que no anterior (10.893)

Sorprenden, en conxunto, os datos da provincia de Lugo, onde no último lustro houbo case o mesmo número de nacementos (10.836) que no anterior (10.893). Pola contra, A Coruña (-7,4%), Ourense (-8,9%) e sobre todo Pontevedra (-11,7%) rexistran acusadas caídas nos indicadores de natalidade. Pontevedra segue a ser o territorio cunha media de idade máis baixa en Galicia, e aquela cunha maior taxa de natalidade. Porén, semella que tamén está a sentir os efectos do avellentamento que outras zonas levan máis tempo experimentando.

Nos datos que este martes publicou o INE obsérvase que só en 15 concellos galegos se rexistraban máis nacementos que mortes e son as cidades e as vilas situadas nas súas áreas metropolitanas as que concentran a maior parte das novas inscricións. Porén, comparando un e outro quinquenio, vemos como a maior parte das urbes rexistran menos nacementos: Vigo (-9,7%), A Coruña (-6.2%), Ourense (-7,3%), Pontevedra (-13%), Ferrol (-20%)..., coas excepcións de Lugo (+3,1%) e Compostela (+3,8%). E o mesmo sucede con algunhas vilas de poboación moza e aínda con bos indicadores de natalidade: Ames (-5,3%), Vilagarcía (-7,9%), Arteixo (-9,9%), Oleiros (-5%), Culleredo (-15%)... 

Cerdido, Monfero, Frades, O Páramo, Meira, Becerreá, Pol, O Pino ou Xove rexistraron no último lustro importantes aumentos no número de nacementos

Prodúcense, pola contra, incremento de novas inscricións en concellos da zona rural. Por exemplo, en Cerdido (pasou de 18 nacementos no período 2006-2010 a 43 no 2011-2015), en Monfero (de 26 a 60), en Frades (de 50 a 80), no Páramo (de 22 a 35), en Meira (de 49 a 75), en Becerreá (de 57 a 81), en Pol (de 22 a 31), no Pino (de 134 a 181) ou en Xove (de 89 a 115).

As malas novas atopámolas noutras localidades, tamén pequenas e rurais, como Verea, O Irixo, Riós, Navia de Suarna ou Castrelo de Val, nas que no último lustro naceron menos da metade de nenos e nenas que no anterior. Chaman a atención, igualmente, os descensos na Baña, Touro, Ortigueira, Fisterra, A Illa de Arousa, Coles, Vila de Cruces ou Mugardos, con descensos próximos a un terzo do total.

25 concellos suman case dous de cada tres nacementos en Galicia

En calquera caso, a maior parte das novas inscricións seguen concentrándose nas cidades e áreas metropolitanas. 25 concellos suman case dous de cada tres nacementos en Galicia. Entre eles están as sete urbes e localidades como Narón, Arteixo, Oleiros, Cambre, Culleredo, Ames, Teo, Poio, Marín, Cangas, Moaña, O Porriño, Ponteareas ou Redondela, pero tamén vilas e cabeceiras comarcais como Carballo, Vilagarcía, Ribeira ou A Estrada. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.