As mortes nas estradas galegas aumentan un 20% no 2016

Evolución das vítimas mortais nas estradas galegas Dominio Público Praza Pública

O 2016 rematará con máis mortes nas estradas galegas ca no 2015. Cando aínda resta unha semana para concluír o ano, ata este 25 de cembro faleceran nas vías interurbanas un total de 109 persoas, fronte ás 91 de todo o 2015. Galicia sitúase deste xeito entre as comunidades nas que máis se incrementaron as vítimas mortais, xunto con Andalucía, Castela-A Mancha, Baleares, Asturias e Murcia. Se no conxunto do Estado o aumento das mortes nas estradas é dun 2,7% (de 1.111 a 1.141), en Galicia o incremento é dun 20%. Aínda non se coñece o balance anual de mortes nas vías urbanas, onde en 2015 perderon a vida un total de 21 persoas en accidentes de tráfico e atropelos.

Os datos, tanto en Galicia coma no conxunto de España, confirman o final da tendencia positiva que se experimentara nas últimas décadas, cun continuado descenso das mortes entre condutores, peóns e ciclistas. Se en 1996 morreron ao redor de 500 persoas nas estradas galegas e en 2006 a cifra aínda era de 301, en 2015 acadouse un mínimo de 91. 

A pasada semana coñecíase un informe do RACE que daba conta de que Galicia é a comunidade autonóma con máis treitos de risco dentro da rede estatal de estradas, identificando 11 treitos nos que nos tres últimos anos faleceron 17 persoas en accidentes de tráfico, e polos que cada día circulan 85.000 vehículos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.