A recollida porta a porta implantada en San Sadurniño reduce o lixo outro 36%

Recollida do lixo porta a porta en San Sadurniño © Adega

En novembro de 2014, o Concello de San Sadurniño puxo en marcha un programa experimental de recollida de lixo "porta a porta" polas casas, acompañado de compostaxe dos residuos orgánicos e co apoio da asociación ecoloxista Adega. Querían comprobar a viabilidade dun sistema alternativo de recollida e reciclaxe dos residuos domésticos á hora de reducir custos económicos e ambientais, ademais de facerlle máis cómoda á veciñanza a xestión dos residuos. Cun proxecto levado a cabo en 20 lugares da parroquia de Ferreira e un da de Naraío, o balance do primeiro ano foi máis que positivo: a cantidade de lixo enviado a Sogama descendeu nun 57% e trouxo consigo un importante aforro económico. En 2015, e logo de ampliarse o ámbito de actuación a outros lugares do municipio, o resultado volveu ser máis que satisfactorio: 1.000 quilos menos ao mes e un descenso nun 37% dos desperdicios enviados á planta de Cerceda

Os bos resultados coa primeira zona do 'porta a porta' repítense ao ampliar o ámbito de actuación: unha tonelada menos de lixo nun ano

Esas son algunhas cifras dos datos que vén de facilitar o Concello sobre un proxecto baseado na distribución de colectores máis pequenos, na súa colocación máis preto das casas e nunha campaña de información para que a xente separe os residuos correctamente en orixe buscando, principalmente, reducir a fracción orgánica da bolsa, que supón habitualmente arredor dun 40% de todo o que se tira. Búscase que a materia orgánica se trate na casa, ben dándolla aos animais ou ben facendo compostaxe/esterqueira, contribuíndo así á conservación do medio ambiente e reducindo todo o que se poida a cantidade de lixo enviada a Sogama. Ademais, o sistema emprega un pequeno furgón en vez do grande camión compactador que percorre o resto do municipio.

En 2015 enviábanse a Sogama 2.800 quilos ao mes desde a zona do proxecto; en 2016 foron 1.800 e sete quilos menos ao mes por persoa

Así, durante 2015, desde a zona de percorrido deste sitema enviábanse a Sogama 2.800 quilos de lixo mensuais, 19,5 quilos por persoa e mes. Logo da posta en marcha da recollida de proximidade, os desperdicios reducíronse a tan só 1.800 quilos, unha tonelada menos nun ano e 12,5 quilos por persoa e mes, sete menos.  

Xa que logo, tamén se reduce a parte proporcional da factura de Sogama no trazado, ao pasar 227,5 euros a 146,28 mensuais, uns 80 menos. Ademais, e segundo os datos que achega a administración local, o aforro aínda foi maior ao reducirse o uso de combustible e o mantemento do cambión: 1.335 euros de aforro nos custos de servizo durante 2016. "O balance do último ano en Naraío e Igrexafeita -e tamén o resultado alcanzado en Ferreira- déronlle azos ao Concello para continuar estendendo o sistema de recollida de proximidade a outras zonas do municipio", explica Adega. 

O 95% das persoas usuarias "adoptouse sen problemas ao novo sistema de clasificación e separación no fogar"

Na actualidade, e tras a ampliación do percorrido, o proxecto abrangue 52 quilómetros, 18 núcleos de poboación, 45 vivendas e arredor de 150 veciños e veciñas cunha media de idade de 62 anos. Adega, ademais, levou a cabou unha enquisa entre as persoas implicadas da man de María Rl. Lafuente, técnica encargada a formación, titorización e avaliación dos resultados. As respostas foron máis que satisfactorias: o 95% das persoas participantes "adaptouse sen problemas ao novo sistema de clasificación e separación no fogar" e os usuarios e usuarias ven como moi positiva "a posibilidade de reciclar e que haxa máis limpeza", engadindo que  se ben o sistema Sogama éralles "máis sinxelo" agora en todos os casos "prefiren continuar co Porta por porta".

Recollida do lixo porta a porta en San Sadurniño © Adega
Contedores para a recollida de residuos © ADEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.