Vigo e Compostela reclamaron unha Europa aberta á acollida

A manifestación deste domingo en Vigo © Entreculturas Vigo

Vigo e Compostela acolleron as dúas mobilizacións galegas celebradas este domingo en solidariedade coas persoas refuxiadas e como denuncia da política mantida ata o momento pola Unión Europea. A pasada fin de semanas varios centos de miles de persoas manifestáronse en Barcelona e hoxe as marchas reproducíronse en ducias de cidades de toda España, baixo o lema Non á Europa fortaleza. Acollida xa.

"A Europa Fortaleza é unha Europa Criminal porque é consciente do tráfico de persoas que supón o incumprimento dos acordos de Xenebra. Externaliza fronteiras e militariza os mares, xa sexa na Fronteira Sur, con Marrocos, ou agora en Turquía coa máis recente crise migratoria. Paga millóns de euros a países que non aproban en materia de Dereitos Humanos para que fagan o traballo sucio, ou deixa morrer no mar coa súa política exterior a persoas como táctica disuasoria. 'Se ven que morren, non virán outros', deben pensar", dicíase no manifesto conxunto.

As mobilizacións reclamaron a aplicación efectiva do dereitos de asilo, a suspensión do acordo con Turquía e a habilitación de vías seguras para o desprazamento de persoas

As mobilizacións reclamaban a aplicación efectiva do dereitos de asilo, a suspensión do acordo con Turquía e a habilitación de vías seguras para o desprazamento das persoas que foxen da guerra, a persecución e a miseria. Igualmente esixiron destinar recursos do gasto militar a políticas de acollida e que se cumpran os prazos para a eliminación de fronteiras entre países da UE.

"Opoñémonos á política de cotas, pero xa pasaron dous invernos dende que se acadou o acordo de acoller a 160.000 persoas, sen que se producira a súa acollida e esiximos que se cumpra o acordo de xeito urxente. A crueldade dos nosos gobernantes afástanos e humíllanos. Se non saben como facelo, pregunten a Canadá, un país lonxano pero con vontade política e compromiso", destacouse.

"Queremos derrubar o muro de prepotencia e insolidariedade que levantou a Europa fortaleza baseándose no egoísmo e na xenofobia fronte a quen foxen do horror"

"Queremos derrubar o muro de prepotencia e insolidariedade que levantou a Europa fortaleza baseándose no egoísmo e na xenofobia fronte a quen foxen do horror. Faremos cascallos desta muralla da vergoña porque a ninguén demos permiso para levantar fronteiras", concluía o manifesto.

A manifestación deste domingo en Vigo © Entreculturas Vigo
A manifestación deste domingo en Vigo © Entreculturas Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.