As persoas encausadas pola ocupación da Yago chegan a un acordo coa Fiscalía

Cartel da concentración convocada este luns en Compostela © Estiven na Yago

O xuízo pola ocupación da Sala Yago en 2011, que fora aprazado hai meses (pola renuncia dunha das avogadas defensoras), reanudouse este luns pola mañá en Compostela (Xulgado do Penal número 1), dando como resultado un acordo entre o Ministerio Fiscal e as persoas acusadas que rebaixa considerablemente as penas solicitadas para a maioría. 

Os dous acusados de tenza ilícita de explosivos recoñeceron este delicto, asumindo condenas de un ano e medio (fronte aos catro anos e medio solicitados inicialmente pola Fiscalía). 8 dos outros 10 acusados recoñeceron a ocupación do inmoble, vendo recortada a solitude de penas (anteriormente de 18 meses) a unha multa duns 3.600 euros (20 euros diarios durante 6 meses).

Antes do xuízo tivo lugar unha concentración de solidariedade coas persoas acusdas, reclamando a súa absolución e con faixas nas que se podía ler "non á criminalización dos movemeentos sociais".

En novembro de 2011 a Sala Yago de Santiago de Compostela, un antigo teatro e cine situado na zona vella e que leva pechado dende o 2007, foi ocupado durante varios días por un amplo grupo de persoas. Días despois a sala foi desaloxada, cun amplo dispositivo policial que rematou coa detención de once persoas, que estes días están a ser xulgadas (xunto con outro acusado, implicado pola policía tras atopar pegadas súas no local).

Cartel da concentración convocada este luns en Compostela © Estiven na Yago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.