Os sindicatos alertan do risco de peche de boa parte das oficinas do rexistro civil

Mobilización do persoal do rexistro de Vigo © Plataforma Galega en Defensa dun rexistro público

Na primavera de 2015 o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, paralizou a anunciada reforma do Rexistro Civil, que motivara unha continuada mobilización dos traballadores e traballadoras, que denunciaban o intento do Goberno de privatizar este servizo, que pasaría a ser xestionado polos rexistradores mercantís e da propiedade. Os sindicatos xa sinalaron naquel momento que esta paralización era meramente "conxuntural" e que respondía ás reticencias dos propios rexistradores da propiedade de asumir estas tarefas, sobre todo cando o proceso de dixitalización da base de datos do rexistro estaba aínda moi incompleto.

Nas últimas semanas o tema regresou á actualidade, despois de que o Ministerio de Xustiza lle entregara aos sindicatos a súa proposta de reforma da Lei 20/2011 de Rexistro civil, que segundo as centrais non garante a continuidade das actuais oficinas existentes en cada partido xudicial. Ademais, critican que a reforma eliminaría as competencias delegadas que neste momento teñen os xulgados de paz. CC.OO denuncia que os responsables ministeriais estarían incumprindo ademais os compromisos que lles expresaran aos sindicatos o pasado 7 de febreiro, nunha xuntanza na que anunciaran que a demarcación territorial sería "a mesma que a actual, con 431 oficinas abertas".

A nova configuración e funcionamento do Rexistro baséase nun "modelo organizativo asentado sobre unha Oficina Central e unhas Oficinas Xerais en cada comunidade autónoma", mudando a actual estrutura construída a partir dos partidos xudiciais

O 22 de febreiro, na xuntanza que Rafael Catalá mantivo cos conselleiros e conselleiras de Xustiza das comunidades con competencias na materia (entre elas Galicia), o ministro revelou que "a nova configuración e funcionamento do Rexistro" baséase nun "modelo organizativo asentado sobre unha Oficina Central e unhas Oficinas Xerais en cada comunidade autónoma", mudando a actual estrutura construída a partir dos partidos xudiciais, cunha oficina en cada un.

No artigo 22 da Lei reformada só se garante que "en cada Comunidade Autónoma situarase cando menos unha Oficina Xeral do Rexistro Civil". A norma permítelle a cada autonomía a creación "dunha Oficina Xeral do Rexistro Civil por cada 500.000 habitantes", engadindo que "por razón da singular distribución da poboación ou polas características do territorio, se poderán crear outras Oficinas Xerais en cada Comunidade Autónoma". Si sinala unha excepción para Canarias e Baleares que "en atención ás dificultades de acceso derivadas do carácter insular dos seus territorios contarán en todo caso con cando menos unha Oficina Xeral do Rexistro Civil en cada unha das illas".

CC.OO. subliña igualmente que "os Xulgados de Paz carecerán de competencia ningunha en materia rexistral, e só poderán recibir solicitudes para a súa remisión á Oficina correspondente". E engadían que "segundo o proxecto, a demarcación territorial actual, incluídas as oficinas delegadas nos Xulgados de Paz" unicamente se mantería "ata a completa implantación das aplicacións informáticas que permitan o funcionamento do Rexistro Civil de forma integramente electrónica".

Alternativas na Xustiza - CUT alerta de que o texto presentado polo Ministerio "contén unha privatización encuberta tan perigosa como a anterior"

De igual xeito, Alternativas na Xustiza - CUT alerta de que o texto presentado polo Ministerio "contén unha privatización encuberta tan perigosa como a anterior". O sindicato afirma que a reforma "desmantela practicamente na súa totalidade o Rexistro Civil, desposuíndoo das súas competencias e outorgándoas a mans privadas, coa consecuente destrución de emprego público e acabando cos piares fundamentais nos que se basea o Rexistro Civil desde o ano 1870, que non é outro que un Rexistro Civil áxil, eficiente, próximo ao cidadán e gratuíto". Ademais, AXG-CUT tamén denuncia o risco de que as actuais 34 oficinas do Rexistro Civil existentes en Galicia (unha en cada partido xudicial) queden reducidas a unha ou a un número non moi superior. E critica a supresión das competencias que actualmente posúen os xulgados de paz de ámbito municipal, pedíndolles a alcaldes e alcaldesas "que se mobilicen en defensa dos intereses e dereitos dos seus concidadáns, e evitar así que teñan que realizar desprazamentos de centos de quilómetros".

 

34 oficinas en Galicia

Galicia conta neses momentos con 34 oficinas do Rexistro Civil, unha en cada partido xudicial

Galicia conta neses momentos con 34 oficinas do Rexistro Civil, unha en cada partido xudicial. A Coruña, Arzúa, Betanzos, Carballo, Corcubión, Ferrol, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Ortigueira, Padrón e Santiago de Compostela na provincia da Coruña. A Fonsagrada, Becerreá, Chantada, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Sarria e Viveiro en Lugo. Bande, Celanova, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ourense, Ribadavia e Verín en Ourense. E A Estrada, Caldas de Reis, Cambados, Lalín, Marín, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa na provincia de Pontevedra.

Mobilización do persoal do rexistro de Vigo © Plataforma Galega en Defensa dun rexistro público

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.