O subdelegado do Goberno en Lugo non cre "agresión sexual" os tocamentos sufridos por unha muller

Paseo do Miño © Concello de Lugo

O pasado domingo unha muller que facía deporte no Paseo do Miño, en Lugo, foi asaltada por un home, que a acosou e chegou a realizarlle algún tocamento. Despois de que a muller se resistise á agresión, o home fuxiu do lugar, procedendo ela a denunciar os feitos.

En declaracións á Cadena Ser, o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, restou importancia ao sucedido, rexeitando que se puidese considerar unha "agresión sexual", afirmando que "houbo unha intimidación e un achegamento, mesmo algún tocamento, pero non chegou a máis” e sinalando que se trata dun "feito illado". "Tan pronto a persona agredida se manifestou ou puxo algunha resistencia, o agresor desapareceu”, engadiu.

Carballo restou importancia ao sucedido, afirmando que "houbo unha intimidación e un achegamento, mesmo algún tocamento, pero non chegou a máis” e sinalando que se trata dun "feito illado"

As declaracións de Carballo foron respondidas este venres polo voceiro do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Lugo, Álvaro Santos Ramos, que cualificou as palabras do subdelegado do Goberno de “retrógradas e machistas” e acusouno de "desculpar o agresor" e de "non defender a vítima”. “Que máis fai falta que un tocamento con claras connotacións sexuais para asegurar que é unha agresión?, preguntouse Santos, que reclamou que “Carballo debe pedir desculpas porque as súas afirmacións si son unha clara agresión á dignidade de todas as mulleres”. “Lamentablemente, xa non nos sorprende que un dirixente do PP teña esta visión retrógrada e machista da dignidade das mulleres”, engadiu o voceiro socialista.

Paseo do Miño © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.