0 Gardados para despois

Non só católicos: En Galicia hai 277 lugares de culto doutras confesións

Redacción | @prazapublica

A confesión maioritaria en Galicia foi historicamente o catolicismo e así segue a ser, innegablemente. Percíbese estes días nas celebracións de semana santa e nas case catro mil igrexas aínda consagradas. Porén, son milleiros os galegos e galegas que seguen outras confesións, que tamén contan cos seus propios lugares de culto. O Observatorio do Pluralismo Relixioso ten rexistrados 277 templos non-católicos en Galicia. Máis da metade son evanxélicos (150) e hai 50 de Testemuñas de Xehová. Hai tamén 21 musulmáns, 13 budistas, 9 adventistas, 8 mormóns, 4 anglicanos, 4 ortodoxos e mesmo 1 sinagoga xudea (na Coruña), 1 templo da relixión de orixe xaponesa tenrikyo (en Cambre) e un centro da Irmandade Druidica Galaica (en Pontevedra).

No conxunto de España son 6.761 os lugares de culto non católicos, o que amosa que a cifra galega (o 4%) é relativamente pequena en comparación coa que se rexistra noutras comunidades autónomas. No Estado hai case catro mil templos evanxélicos e un total de 1.508 mesquitas musulmás, moi escasas en Galicia.

Estes 277 lugares de culto non católicos son, evidentemente, unha minoría en comparación coas case catro mil igrexas católicas rexistradas en Galicia. Mentres que no caso dos centros católicos, é a provincia de Lugo a que conta cun número maior, no resto dos lugares de culto, A Coruña e Pontevedra concentran a maioría (223 do total). 

No mapa pódese observar a distribución destes lugares de culto non-católicos. A Coruña e Vigo concentran o número meirande, seguidas de Ferrol, Pontevedra e Ourense. Vilas como Marín, Arteixo, A Estrada, Betanzos ou Tui tamén acollen un número significativo destes centros,

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.