O doutor Guitián, 90 anos de medicina e defensa da lingua

O doutor Carlos Guitián © Pablo Vaamonde

Carlos Guitián Rodríguez fai 90 anos, e para celebralo leva tempo preparándose en Ourense unha homenaxe pública, que terá lugar este sábado 29 no Liceo. O doutor Guitián é, sobre todo, médico; foi xefe do Servizo de Uroloxía do Hospital Provincial durante 45 anos e tamén tivo unha consulta na rúa Progreso da cidade. O Colexio de Médicos de Ourense e a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) apoian a homenaxe. Porén, na súa longa traxectoria destaca un innegable compromiso social, político, ecoloxista e co idioma, que tamén será recoñecido no acto do sábado.

O doutor Guitián é, sobre todo, médico; foi xefe do Servizo de Uroloxía do Hospital Provincial durante 45 anos e tamén tivo unha consulta na rúa Progreso da cidade

Tras especializarse en Uroloxía no Hospital catalán de Sant Pau, foi un dos primeiros en utilizar a técnica da resección transuretral endoscópica con intervención mínima, que logo sería utilizada de forma xeralizada en todos os hospitais galegos e do Estado. No ano 1969, e con carácter didáctico, elaborou un microdocumental explicativo da técnica, pioneiro no seu xénero, e que foi premiado na Semana Internacional de Cine Médico de Motril en 1982.

Estivo moi implicado na organización en San Domingos de Bonaval das misas en galego na honra de Rosalía de Castro. En 1969, nun deses actos, Guitián acabou detido

Foi cofundador e vicepresidente da Agrupación Cultural Auriense entre os anos 1967 e 1973. Nese tempo estivo moi implicado na organización en San Domingos de Bonaval das misas en galego na honra de Rosalía de Castro, que remataban cantando o himno galego nas escalinatas exteriores, antes de ser desaloxados pola policía. En 1969, nun deses actos, Guitián acabou detido, pasando a noite na cadea ata que, segundo as súas propias palabras, “un xuíz razoable me deu a alta”. Como escribiu estes días Xosé González no Faro de Vigo, ese 25 de xullo "nin Otero Pedrayo se librou dun empurrón policial ao tempo que erguía o seu caxato pedindo respecto para un vello" e Guitián e Xaime Illa Couto foron detidos, "mallados coas porras e introducidos no jeep policial". González engade que "foron procesados polo Tribunal de Orde Pública, que os absolveu segundo a sentenza 'porque se desconoce del procesado -referíndose a Xaime Illa- su ideología y tendencia".

O seu compromiso co medio ambiente foi – e segue a ser- outra das teimas da súa singular personalidade. Presente en todas as mobilizacións en defensa e conservación do espazo natural, foi especialmente activa a súa oposición á construción da minicentral do Barbantiño e á destrución da súa fervenza natural, poñéndose mesmo diante das máquinas para un intento frustrado da súa paralización.

Guitián foi e é, ante todo, un defensor da lingua. Tras tomar conciencia na súa estadía en Barcelona da autoestima co idioma materno da sociedade catalá, pasou a considerar o idioma como un elemento a protexer na vida cotiá e profesional, polo que comezou a utilizar o galego na prescrición médica e nas receitas, o que lle ocasionou importantes problemas nos últimos anos pre-democráticos e mesmo a incomprensión entre o seu colectivo profesional. "Foi excluído de certos círculos profesionais e tivo que soportar moitas veces o ninguneo daqueles colegas que lle devolvían os informes que escribía en galego dicíndolle no lo entiendo”, destaca Pablo Vaamonde nun artigo. El mesmo recoñecía, nunha entrevista publicada en 2015, que “houbo pacientes deixaron de vir a miña consulta por falar en galego". Tivo tamén unha gran preocupación pola recuperación da toponimia orixinal, loitando pola galeguización dos carteis de obra pública e sinaléctica na entrada de vilas e cidades. Sempre levaba no maleteiro do coche brocha e pintura para corrixir unha e outra vez os topónimos burdamente castelanizados. 

Tivo tamén unha gran preocupación pola recuperación da toponimia orixinal, loitando pola galeguización dos carteis de obra pública e sinaléctica na entrada de vilas e cidades

A homenaxe, aberta ao público e moderada por Xosé Carballido, comezará ás 12 do mediodía. Durante o acto, intervirán diversas persoas salientando algúns dos moitos ámbitos nos que Guitián traballou ao longo da súa vida. Dende a medicina (tomará a palabra Manuel Peña Rey, do Colexio Oficial de Médicos), ao ecoloxismo (Eduardo González, representante da Coordinadora Pro Natureza Ourensá) ata á política (intervirán Ramón Area, representante do Partido Socialista Galego e Alfredo Suárez Canal, representante do Bloque Nacionalista Galego). Ademais, Pablo Vaamonde (Irmandade da Sanidade Galega) entregaralle a distinción como Irmandiño de Honra. A partir das 13:30 horas haberá un xantar no propio Liceo para ás persoas que desexen asistir. As reservas deberán realizarse no propio Liceo ou no mail homenaxedoutorguitian@gmail.com.

 

O doutor Carlos Guitián © Pablo Vaamonde
Cartel da homenaxe Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.