Joaquín Estefanía: "Os principais perdedores desta crise son as persoas novas"

Joaquín Estefanía CC-BY-SA Montserrat Boix

O economista e xornalista Joaquín Estefanía foi director de El País entre 1988 e 1993, sendo nos tres anos seguintes máximo responsable de publicacións do Grupo Prisa, ao que segue vinculado como membro do Consello editorial de El País. Nos últimos anos publicou varios libros de análise política e económica. No máis recente, Abuelo, ¿cómo habéis consentido esto? (Planeta) afonda nos efectos da profunda crise económica da última década, centrándose sobre todo no prexuízo causado ás xeracións máis novas. Estefanía presenta a obra este xoves na Coruña (20.30 no auditorio de Afundación) no que será ademais o primeiro evento do Foro de debate de Radio Coruña Cadena SER, que cada mes ofrecerá faladoiros ou presentacións públicas na cidade, co obxectivo de conformar un espazo permanente de debate e xeración de ideas.

Na obra, Estefanía subliña o feito de que por primeira vez a presente xeración de mozos e mozas vivirá peor do que o fixeron os seus pais, rachando a definición de progreso que ofrecía Jed Bartlet na Ala Oeste da Casa Branca: "Debemos darlles aos nosos fillos máis do que recibimos nós". Ademais, pregúntase polas causas e responsables da crise "e, sobre todo, canto tempo tardarán os nosos sucesores en responsabilizarnos do ocorrido?". 

"Os gobernantes, sexan do partido que sexan e no país que sexa, do primeiro que se preocupan é das pensións públicas. E isto é así porque os maiores son o seu principal nicho electoral"

"A primeira fenda que creou a crise económica é a xeracional. Os mozos son, con moito, os que máis sufriron durante estes anos os estragos da crise: o paro, a precarización, o apartheid salarial, a emigración para sobrevivir ou, no menos malo dos casos, para poder aplicar os coñecementos adquiridos", destaca o autor, que sinala que "o menosprezo pola mocidade tivo como consecuencia unha distribución desproporcionada na súa contra dos custos da crise", provocando "a quebra das súas expectativas de futuro, materiais ou emocionais". "Foi probablemente este sufrimento, e a humillación correspondente, o que arrastrou a unha parte significativa dos mozos ás actitudes rebeldes de indignación e, como colofón, á crise de representación política", conclúe.

No libro describes as distintas compoñentes e efectos da crise que, como se ten repetido, é moito máis profunda que as que se viviron en décadas anteriores, afectando non só ás condicións de vida presentes, senón tamén ás expectativas futuras para as novas xeracións... 

A complexidade desta crise é extraordinaria. Probablemente esta crise foi menos profunda que a da Gran Depresión, pero foi igual de longa ou máis e, sobre todo, moito máis complexa de resolver, con factores económicos, políticos e mesmo filosóficos e culturais. O cambio é espectacular. No libro menciono unha frase do escritor Stefan Zweig, que escribira que 'no breve período dende que me saíu a barba ata que se me encheu de canas, menos de 50 anos, transcorreron máis cousas que en dez xeracións'. Pois iso mesmo pódese dicir do que sucedeu nos últimos tempos no mundo. No libro quero incidir en que os principais perdedores desta crise son as persoas novas. Por primeira vez en moito tempo, ademais de falar da cuestión social, hai que falar da cuestión xeracional. Os gobernantes, sexan do partido que sexan e no país que sexa, do primeiro que se preocupan é das pensións públicas. E isto é así porque os maiores son o seu principal nicho electoral. Preocuparse das pensións está moi ben, pero o problema é que non se poñen en marcha todos os plans de choque que deberían aplicarse para que os mozos e mozas españolas melloren a súa forma de vivir. Para que as novas xeracións teñan algún tipo de futuro.

"A xente nova está actuando de forma xeracional, algo que non ocorría no pasado"

Supoño que sempre se produce unha fenda entre xeracións, pero dá a impresión de que nesta ocasión esta é profundísima, con comportamentos electorais completamente distintos entre mocidade e xeracións de máis idade, con hábitos de consumo de información totalmente diferentes...  

Non é certo que sempre houbera unha fenda xeracional. Durante moito tempo a xente nova vivía máis ou menos a mesma vida que os seus país, seguía unha secuencia lóxica de 'estudar moito para obter un bo posto de traballo, estable, para poder mercar unha vivenda, casar e ter fillos e, ao final, xubilarte cunha pensión pública'. E antes as votacións da xente nova non era moi diferente das votacións dos seus pais, votaban esquerda ou dereita, nunha correlación moi semellante á dos seus maiores. E agora nada de todo isto é así. A maioría dos mozos e mozas non poden pensar nesa secuencia, porque o que pensan é como van sobrevivir ao día seguinte, que tipo que traballo precario van ter, en que lugar van ter que marchar para ter ese traballo. E, ademais, votan dunha maneira completamente diferente a como votan os seus pais. E votan así porque a xente nova desconfía das institucións e do propio sistema, que non lles está dando solucións aos seus problemas. Isto explica o xurdimento de formacións políticas novas. A xente nova está actuando de forma xeracional, algo que non ocorría no pasado.

"Non ten que haber unha guerra entre mozos e maiores, pero hai que actuar de forma prioritaria en favor das novas xeracións, porque se non nalgún momento alguén nos vai preguntar por que consentimos que pasase isto"

Como se reduce esa fenda xeracional?

Esa fenda redúcese cunhas políticas públicas máis equilibradas, de xeito que o futuro das novas xeracións non dependa dunha maneira tan tremenda como o fai agora das condicións dos seus antecesores. A Curva do Gran Gatsby define a relación entre a desigualdade económica e a inmobilidade social interxeracional. Nun país como Dinamarca, tan só o 15% do benestar dun neno depende da renda dos seus pais, mentres que nun país como Perú dúas terceiras partes do benestar dun fillo dependen da renda da súa familia. España está nun termo medio, durante anos tentámonos achegar aos estándares máis avanzados, pero na última década esta tendencia positiva rachou e hoxe, cada vez máis o futuro dun neno depende da situación familiar na que se críe. Hai que cambiar esta tendencia con políticas públicas moito máis equilibradas: hai que loitar de verdade contra o paro xuvenil, hai que derrogar as últimas reformas laborais que levaron a unha situación de precariedade estrutural, hai que aplicar políticas decididas contra a pobreza enerxética, hai que poñer en marcha políticas para que os mozos e mozas poidan acceder a unha vivenda. Non ten que haber unha guerra entre mozos e maiores, pero hai que actuar de forma prioritaria en favor das novas xeracións, porque se non nalgún momento alguén nos vai preguntar por que consentimos que pasase isto.

"Non creo que Le Pen vaia gañar este domingo, non creo que as enquisas se trabuquen tanto, o que me preocupa é que Macron asimile unha boa parte do programa electoral da Fronte Nacional e que goberne con ese programa"

No libro falas da época Trump. Esta semana temos eleccións en Francia, nas que Marine Le Pen pode superar o 40% dos votos. Cres que esa situación se pode reproducir en España?

O da 'época Trump' é unha maneira de darlle un nome ao que está sucedendo. A min o que me preocupa non é tanto que venza Marine Le Pen, Alternativa por Alemaña ou os partidos de extrema dereita nórdicos, senón que o resto dos partidos, os que hoxe ocupan o centro dos sistema, se contaxien destas ideas e as apliquen. Non creo que Le Pen vaia gañar este domingo, non creo que as enquisas se trabuquen tanto, o que me preocupa é que Macron asimile unha boa parte do programa electoral da Fronte Nacional e que goberne con ese programa. En realidade é algo que xa se está producindo coas políticas de inmigración, coas políticas sobre os refuxiados e, no noso caso, coas políticas do Estado do Benestar.

"Os vellos medios non acaban de morrer, e os novos medios non acaban de ser determinantes. Atopámonos nunha especie de transición que aínda non sabemos cara a onde irá"

Como valoras a calidade dos medios de comunicación en España?

Os medios padecen os mesmos problemas que o resto da sociedade. Sería ilóxico que con esta tormenta perfecta que estamos vivindo non se producira esta disrupción. Estamos no centro da tormenta, os vellos medios non acaban de morrer, e os novos medios non acaban de ser determinantes. Atopámonos nunha especie de transición que aínda non sabemos cara a onde irá. A situación actual non convida ao optimismo, pero eu espero que se recompoñan as cousas e que siga sendo certo aquilo de que non hai verdadeira democracia sen liberdade de expresión, e viceversa.

 

Portada do libro © Planeta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.