0 Gardados para despois

"O obxectivo non só é salvar as árbores, senón acadar un Xinzo máis humano"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Este sábado a Consellería de Infraestruturas anunciou que procederá á modificación do proxecto inicial de reforma da Avenida de Celanova, en Xinzo de Limia, que incluía a corta de 54 árbores centenarias que crecen nas súas marxes. Despois de dous meses dunha mobilización liderada pola plataforma Amigos das Árbores da Limia, o Concello de Xinzo (inicialmente a favor da eliminación das árbores) mediou ante a Xunta, que aceptou unha reformulación, que canalizará o tráfico de entrada e saída da vila cara á N-525 a través dun treito de circunvalación e que, sobre todo, deixará intactas as árbores. 

O domingo, coñecida a noticia, a plataforma amosaba a súa satisfacción: "Acabamos de conseguir unha rúa arborada para a cidadanía e non unha estrada para o tráfico, principalmente de grande tonelaxe, como pretendían", destacando o traballo de concienciación e mobilización social levado a cabo en Xinzo en apenas unhas semanas. "Sen a mobilización que houbo en Xinzo e, a través das redes sociais, en toda Galicia, concello e Xunta non terían mudado a súa posición", salienta María Losada, unha das voceiras da plataforma, en conversa con Praza, engadindo que "o Concello quere levar os méritos. Pero o mérito é da mobilización que impulsou a plataforma". Amigos das Árbores da Limia subliña igualmente o apoio amosado "polas madriñas e padriños das nosas árbores e a todos os persoeiros que dende Galicia e dende fóra do país nos fixeron chegar as súas fotos", unha acción nas redes sociais que conseguíu que esta reivindicación local fose coñecida en toda Galicia.

"Sen a mobilización que houbo en Xinzo e, a través das redes sociais, en toda Galicia, concello e Xunta non terían mudado a súa posición", salienta María Losada

María Losada destaca a importancia de ter paralizado a corta das árbores: "Non é como outro tipo de decisións que son reversibles. Aquí, se se tallaban as árbores, non había volta atrás", di. E enumera os beneficios de manter esta vía singular, que lle dá identidade e valor a esta parte da vila de Xinzo: "É unha das poucas rúas verdes que se conservan na vila; as árbores achegan frescura, dan sombra ás persoas que pasean por ela e aos coches dos veciños e veciñas; son un pulmón de osíxeno e xeran un microclima, facendo máis agradable a temperatura tanto no verán coma no inverno; amortecen o ruído do tráfico e achegan beneficios psicolóxicos para os habitantes desta zona, incrementando ademais o valor das casas desta rúa". Losada retruca ademais un dos argumentos empregados polos sectores que defendían eliminación das árbores: a mellora da seguridade viaria a través dunha maior "visibililidade": "eran falsos os argumentos de que as árbores xeran máis perigo. Hai estudos que demostran que nas vías con árbores hai menos accidentes, porque a xente tende a ir máis lenta. En cambio, con menos elementos nas marxes os condutores conducen máis rápido".

A reforma que finalmente se levará a cabo mantén a mellora da drenaxe, das beirarrúas e da iluminación, pero respectará as árbores. "Ao inicio parecía que era incompatible manter as árbores e levar a cabo o arranxo da vía, que é moi necesario e que nós sempre defendemos. E ao final viuse que non, que se poden facer as dúas cousas", comenta María Losada, que engade que "era un absurdo total cortar a árbores para facer a rúa un metro máis ancha e, despois, plantar nas súas marxes unhas arboriñas que tardarían décadas en medrar". 

A plataforma xa anunciou creará unha comisión de seguimento para que as obras de mellora da Avenida de Celanova, a reorganización do tráfico en Xinzo e a protección das árbores "sexan canto antes unha realidade". Ademais, para asegurar a protección das árbores, manteñen a súa petición pedimos de que os 54 plátanos de sombra se inclúan no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galicia como "conxunto arbóreo singular". Como xa se ten feito con árbores da mesma familia ou especie doutros treitos do Camiño de Santiago, explican.

"O obxectivo non só era conseguir que se salvasen estas árbores, senón traballar por acadar unha vila moito máis humana, con máis zonas verdes e con rúas que acheguen calidade de vida e benestar á xente"

María Losada explica que esta vitoria social é só o primeiro paso dunha acción máis ampla: "Que en dous meses se conseguise paralizar e modificar o proxecto é un logro enorme, pero o obxectivo non só era conseguir que se salvasen estas árbores, senón traballar por acadar unha vila moito máis humana, con máis zonas verdes e con rúas que acheguen calidade de vida e benestar á xente". Este éxito da plataforma pode servir de exemplo a outras loitas sociais de toda Galicia, “pero sobre todo serviu como exemplo a nivel local", di Losada. "Xinzo é unha vila moi desmobilizada, pero nesta ocasión a plataforma organizouse e conseguiuse o obxectivo perseguido”, engade.

"A solidariedade, a concienciación, o compromiso e o traballo foron fundamentais para conseguir o noso obxectivo. Este importante logro acadado pola plataforma confirma que cando as veciñas e veciños traballan xuntos as realidades poden mudarse en prol do ben común. Son necesarios gobernos abertos á participación veciñal, iso reclamamos", conclúe.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.