0 Gardados para despois

A Xunta defende unha Lei de Benestar Animal con luces e sombras e que esquece as touradas

Redacción | @prazapublica

Este martes comezou o debate no Parlamento da Lei de protección e benestar dos animais de compañía, presentada polo PP. A norma, malia conter algúns avances con respecto á normativa de 1993 modificada en 2014, foi rexeitada por completo polo PSdeG-PSOE -que presentou unha emenda á totalidade- e de forma parcial por En Marea e BNG, que introduciron ducias de emendas parciais buscando modificar unha parte significativa do seu contido. O proxecto de lei popular, que recolleu sorpredentes apoios, coma o de PACMA, é moi criticado por unha parte importante das protectoras e asociacións en defensa dos animais que traballan en Galicia. Tamén Libera, aínda que recoñece que contén elementos positivos con respecto á actual lexislación, rexeita de plano algúns dos seus puntos.

Xa no seu artigo 2, o proxecto de lei deixa fóra da súa regulación “os animais empregados en calquera espectáculo taurino, incluídos os encerros”

Quizais o máis rechamante da norma proposta é que aínda que dende o seu título afirma buscar a "protección" e o "benestar" dos animais, limita esta protección aos "animais de compañía", deixando fóra os touros empregados en espectáculos, pero esquecendo tamén introducir disposicións específicas para os cabalos empregados nalgúns traballos. Xa no seu artigo 2, o proxecto de lei deixa fóra da súa regulación “os animais empregados en calquera espectáculo taurino, incluídos os encerros”. Neste senso, a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas propuxo "un veto gradual á tauromaquia" en Galicia, iniciando de inmediato a prohibición de acceso de menores de 12 anos a eventos taurinos ou a prohibición dos chamados espectáculos taurinos "menores", coma as soltas de vaquillas de dous anos, ou as capeas. A medida completaríase despois coa prohibición total dos espectáculos nos que se maltrate os touros. A entidade lembra que esta actividade "está morta socialmente" en Galicia.

Emendas

Os socialistas critican especialmente que o proxecto "non recoñece o labor desinteresado das asociacións de protección e defensa dos animais"

O PSdeG-PSOE presentou unha emenda á totalidade, cualificando a norma proposta polo PP como un “despropósito” e unha “oportunidade perdida”. A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, cre que a norma está “feita dende un despacho por alguén que non se preocupa pola protección e o benestar dos animais” e critica que foi "presentada sen diálogo coas protectoras e ecoloxistas". Este martes, no debate aberto na cámara entre o deputado coruñés do PP Gonzalo Trenor e a socialista Patricia Vilán, esta subliñou que “non sei se a conselleira de Medio Ambiente, que parece que vai ser candidata na Coruña, quere facer tacticismo electoral con isto, ou se vostede está a facer méritos porque quere ir na súa lista. Pero despois desta intervención está a perder puntos”.

Os socialistas critican especialmente que o proxecto "non recoñece o labor desinteresado das asociacións de protección e defensa dos animais", excluíndo as asociacións que non fosen declaradas de utilidade pública, impedindo o traballo dos/as voluntarios/as nos casos de abandono e non recoñecendo expresamente o seu carácter de interesadas nos procedementos instados por infraccións administrativas.

En Marea e BNG non presentaron emenda á totalidade pero criticaron unha parte importante do contido do proxecto de lei. “Non presentamos unha emenda á totalidade porque consideramos que hai avances sobre a anterior lei de 1993 pero moitas cousas que mellorar e adaptar a unha realidade social moi diferente despois de 24 anos, onde a sensibilización da cidadanía sobre os dereitos dos animais é afortunadamente moi maioritaria”, afirmou Francisco Casal (EnMarea). Entre os cambios propostos por EnMarea, que presentou un total de 65 emendas, están o de retirar as sancións por alimentar ou recoller os animais vagabundos ou extraviados nas vías públicas sen contar coa correspondente autorización municipal. E tamén a petición de que “todos os concellos conten cunha canceira, xa sexa municipal ou consorciada con outros concellos limítrofes para a recollida de animais abandoado, dando prioridade para constituílas e financialas as protectoras establecidas neses territorios”.

A lei atribúelle aos Concellos "a responsabilidade superior na defensa e protección dos animais", pero non ten en conta as actuais limitacións orzamentarias introducidas pola Lei Montoro

A lei atribúelle aos Concellos "a responsabilidade superior na defensa e protección dos animais", pero non ten en conta as actuais limitacións orzamentarias introducidas pola Lei Montoro. Este punto foi tamén criticado por Casal, que criticou que “non se poden implantar tantas obrigas aos Concellos e despois non dotalos economicamente. "Sen orzamento a Lei será papel mollado e un canto ao sol, e iso é inadmisible", concluíu o deputado de EnMarea.

Críticas das protectoras

Doce protectoras denuncian que con esta norma, o PP deixa estes servizos "en mans de empresas privadas" e "ponlles paus nas rodas ás asociacións de protección e defensa animal e persoas individuais animalistas que levan anos deixándose a pel"

Tamén critican o proxecto de lei unha parte importante das protectoras galegas. Doce destas entidades denunciaron a pasada semana que con esta norma, o PP deixa estes servizos "en mans de empresas privadas" e "ponlles paus nas rodas ás asociacións de protección e defensa animal e persoas individuais animalistas que levan anos deixándose a pel". Estas asociacións critican que a lei proposta limite a protección aos animais de compañía, denunciando neste senso "a exclusión dos animais de autoconsumo, équidos, festexos taurinos e animais de experimentación do seu ámbito de regulación".

As entidades asinantes do comunicado foron Asociacións peludos invisibles Sanxenxo, Asociación protectora de animais Os Biosbardos, Colonias canguesas, Callejeritos colonias sen fogar, Asociación protectora de animais Aloia de Tui, Aspap, Asociación Gatiños da Rúa, Asociación protectora de animais do Morrazo, Asociación Pegadas Felinas, Asociación Amigos dos Animais e Proxecto AAN. Estas e outras protectoras públicas e privadas e grupos de defensa e protección animal de Galicia convocan para este mércores unha concentración ante o Parlamento contra esta lei.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.