0 Gardados para despois

19X: Das boas palabras ao compromiso orzamentario contra a violencia machista

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A Coruña, Compostela, Vigo, Vilagarcía, Lugo, Ames e O Grove acolleron este luns ao mediodía actos ante as sedes dos seus concellos (en Vigo, diante do MARCO) para esixirlle ao Goberno central que incremente nos Orzamentos Xerais a asignación destinada ao Pacto de Estado contra a violencia machista ata os 120 millóns de euros. Nas concentración, foi lido un manifesto coas reivindicacións dos colectivos feministas e fíxose entrega dunha moción no mesmo senso para ser debatida nos respectivos plenos municipais. A moción tamén foi entregada en Pontevedra e en varios concellos da Costa da Morte, neste caso a través da asociación Buserana. Tamén a Mesa Interinsitucional de violencia de xénero do Concello de Ribadeo amosou o seu apoio ao manifesto.

As mocións detallan que a contía asignada a actuacións para a prevención da violencia de xénero ascende "tras a presión política e social dos colectivos feministas" a 31.7 milllóns de euros, "que é un 25,7% máis que en 2016 pero continúa sendo un 2,20% menos que en 2010". Engaden que nos Orzamentos se conxela en 19.7 millóns o Programa de Igualdade entre mulleres e homes, un 41,2% menos que en 2010. "De non aumentarse significativamente" -sinala o texto- o Pacto de Estado "sería unha ofensa e unha burla a todas as mulleres que sofren ou sufriron violencia de xénero". As mocións critican ademais que non se asigne "nin un euro á prevención nos ámbitos educativo, sanitario e de medios de comunicación", ou a "prevención e atención á violencia sexual", como esixe o Convenio de Istambul. Tamén lembran o esquecemento da mellora na resposta policial e xudicial ou o feito de "non cubrir o custo dos servizos xurídicos, psicolóxicos e sociais nas Entidades locais"

A iniciativa, que partiu do movemento feminista de Valencia, repetiuse en ducias de cidades e vilas de toda España, contando co apoio de numerosas organizacións sociais, unhas 40 no caso de Galicia. Os colectivos asinantes maniféstanse "unidas polo obxectivo común de manifestar un rotundo rexeitamento á pasividade criminal dos poderes públicos" e salientan estar "fartas de minutos de silencio, condenas virtuais e discursos que cada vez parecen máis hipócritas" e "indignadas ante un Pacto de Estado que nacerá morto se non hai fondos para o seu desenvolvemento e aplicación".

Din estar "fartas de minutos de silencio, condenas virtuais e discursos que cada vez parecen máis hipócritas" e "indignadas ante un Pacto de Estado que nacerá morto se non hai fondos para o seu desenvolvemento e aplicación"

"Como xa non podemos aguantar nin un asasinato máis e porque ademais non se mostra interese en acabar co machismo, nin cos privilexios que sustenta o patriarcado, porque os asasinatos de mulleres normalizáronse, porque mañá podemos ser calquera de nós, ou as nosas fillas, nais, veciñas ou amigas, é que mulleres e asociacións do movemento feminista mobilizámonos, para exixir recursos que rematen dunha vez con esta cegueira institucional e este patriarcado asasino", denuncia o manifesto. 

As actividades previstas nestas localidades estenderanse ao longo de toda a xornada como medida reivindicativa de presión ao Goberno central. En cada cidade e vila a programación (que se pode consultar neste enlace) chegará ata a noite con contacontos, presentacións de libros ou concertos (na Coruña), xantar colectivo e cazolada (Compostela), performances (en Vigo) e novas concentracións ás 20 horas (en Lugo, Ames ou Vilagarcía).

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.