CIG e CSIF piden rematar coa temporalidade que afecta ao 40% do persoal de loita contra incendios

Brigadistas de Medio Rural, coas súas fundas de traballo © Xunta

Un dos factores que axudan a un mellor desempeño no traballo é a estabilidade e unhas axeitadas condicións laborais. E isto cobra se cadra aínda máis importancia nun servizo tan relevante para a sociedade coma o de prevención e loita contra os incendios forestais. Un servizo público no que o seu cadro de persoal está moi lonxe de contar coa tranquilidade e seguridade que axude ao seu complicado labor. Representantes de CIG e CSIF exixiron este martes a "inmediata convocatoria" da Oferta Pública de Emprego como persoal laboral no Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Xunta de Galicia (SPDCIF). O obxectivo é loitar contra a temporalidade que afecta ao 40% dos traballadores e traballadoras deste servizo público no que, subliñaron, non se convoca ningunha OPE desde o ano 2003.

O obxectivo é loitar contra a temporalidade que afecta ao 40% dos traballadores e traballadoras deste servizo público no que, subliñaron, non se convoca ningunha OPE desde o ano 2003

O representante da CIG, Raúl Vázquez, afirma que o pasado mes de setembro as organizacións sindicais chegaron a un acordo coa Xunta segundo o que o 20% das prazas de emprego público que se ofertasen nos seguintes catro anos serían para o SPDCIF. Un compromiso que, denuncia, foi incumprido polo Goberno galego, pois das prazas convocadas para este ano ningunha é para o SPDCIF.

Vázquez cualifica a actuación do Executivo de "grave incumprimento" e salienta a “situación tremendamente inxusta" que padecen as traballadoras e traballadores deste servizo público. Entre todo o persoal que o conforma, só 800 traballadores e traballadoras teñen contrato os doce meses do ano (e moitos deles tamén son interinos); 600 traballan 9 meses e un total de 436, só durante 3 meses. O representante da CIG lembrou, ademais, que hai sentenzas ditadas que determinan que eses contratos temporais de só tres meses non se axustan á legalidade. Por todas estas razóns, CIG e CSIF reclaman a execución da oferta de emprego público como laborais das prazas correspondentes á OPE de 2016 das categorías profesionais do SPDCIF e o cumprimento do acordo asinado a finais do pasado ano. 

Os dous sindicatos convocaron unha asemblea este mércores en Silleda (Casa da Cultura, 17 horas)

Vázquez engadiu que “a posíbel anulación da OPE 2016 comportaría un risco eminente para todo o persoal laboral temporal do SPDCIF, xa que conlevaría a un proceso de funcionarización que a maiores de escuro xeraría moitísima ansiedade entre os e as profesionais do servizo contra incendios, poñendo en grave risco a eficacia deste servizo de emerxencia”. Os dous sindicatos convocaron unha asemblea este mércores en Silleda (Casa da Cultura, 17 horas) para debater e informar os traballadores e traballadoras sobre os “inconvenientes ou complicacións” que suporía convocar as prazas da OPE como persoal funcionario. Esta asemblea servirá tamén para decidir as accións a levar a cabo na defensa dos diferentes procesos como persoal laboral.

 

Rolda de prensa ofrecida polos representantes dos traballadores do SPDCIF © CIG
Feijóo, nunha visita a brigadistas de Medio Rural © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.