VÍDEO | "Queremos ter as mesmas posibilidades que os que van a colexios privados"

Nais e pais do CEIP de Calo, a piques de entrar no pleno © Anpa A Rabadela

A situación que está a vivir neste final de curso o CEIP de Calo (Teo) é común a outros centros de todo o país que viron como -a última hora e sen comunicación previa- a Consellería de Educación anunciaba un recorte de servizos para o vindeiro ano. Neste caso, o colexio perde unha praza de profesora de Infantil (trasladada a outro centro) e queda sen unha clase de 4º curso dese ciclo. Ademais, a comunidade educativa manifesta a súa preocupación pola posible perda doutra praza o vindeiro ano, cando se xubilará unha das mestras.

A Anpa A Rabadela comezou de inmediato a mobilizarse, con concentracións ante o colexio, a participación este xoves na manifestación convocada ante a Consellería de Educación e a presentación dunha moción no pleno municipal de Teo, aprobada co voto favorable de Son de Teo, PSdeG-PSOE e BNG e a abstención do PP.

A moción, defendida por unha das nais afectadas polo recorte, converteuse nun alegato en favor dun ensino público de calidade, e de denuncia da redución de mestres e o incremento do número de alumnos por aula. "Estamos aquí para pedirvos axuda. Para que nos apoiedes na nosa petición de que non eliminen unha praza de profesora de infantil", comezou dicindo a representante da Anpa. "A fórmula desta lei é máis alumnos por clase e menos profesores. Así o están facendo dende hai anos e así o corroboro eu como nai e como mestra", dixo. "Con estas ratios non se pode ter un ensino de calidade. Por moito que teñamos boas profesionais, non se pode", engadiu.

"A lei permite ata 27 alumnos de infantil na mesma clase. Nós non queremos un cole para aparcar os nosos fillos, queremos un ensino de calidade"

"A lei permite ata 27 alumnos de infantil na mesma clase. Non sei se podedes imaxinar unha aula con 27 nenos e nenas de 3 ou 4 anos. Alí van estar, pero nós non queremos un cole para aparcar os nosos fillos, queremos un ensino de calidade", dixo, engadindo que "a lei fíxose para cadrar os cartos, non para manter a calidade do ensino".

A representante da Anpa reclamou unha dotación suficiente de profesorado con praza definitiva "co que o alumnado poida establecer un vínculo emocional", sinalando que "o profesorado temporal non pode achegar a mesma calidade". Persoal que sexa quen de atender o alumnado con necesidades educativas específicas. "Esas familias están loitando todos os días e merecen que o ensino público atendo os seus fillos como eles necesitan", dixo.

"A que centro mandan os seus fillos os que escribiron esta lei? Mándanos á publica? Non creo. Mándanos seguramente á privada, porque saben que os cartos si importan na calidade do ensino"

"A que centro mandan os seus fillos os que escribiron esta lei? Mándanos á publica? Non creo. Mándanos seguramente á privada, porque saben que os cartos si importan na calidade do ensino. É moi fácil rexistrar unha lei para os fillos de outros. Non sei se algunha vez vistes as instalacións dun colexio como Peleteiro; danche ganas de chorar", denunciou.

"Sabemos que a mellor herdanza que lles podemos deixar aos nosos fillos é a educación. Pola educación e polo futuro dos nosos fillos estamos dispostos a deixarnos a pel", concluíu, demandando o apoio dos concelleiros de todos os grupos: "Queremos que os nosos fillos e fillas teñan as mesmas posibilidades que os que van á privada".

A maioría absoluta do pleno votou a favor da moción de apoio ás reivindicacións da comunidade educativa © Anpa A Rabadela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.