Moraña podería subvencionar con 1.400 euros unha capea taurina

Capea en Valga, en 2014 © Festa da Xuventude

O vindeiro 23 de xullo Moraña podería acoller unha capea taurina que, ademais, estaría parcialmente subvencionada polo Concello. A nova foi coñecida esta semana polos concelleiros dos grupos da oposición (PSdeG-PSOE e BNG) nunha comisión informativa de Cultura. Aínda que o pagamento, duns 1.463 euros, aínda ten que ser aprobado polo pleno municipal que se celebrará o vindeiro xoves, o PP pode facer valer a súa maioría absoluta para sacala adiante. A subvención foi solicitada pola Asociación Cabalar de Santa Xusta na convocatoria de axudas para promoción cultural e promoción do deporte en Moraña (que reparte un total de 14 mil euros).

"PSdeG e BNG rexeitamos por completo que se conceda unha subvención para este tipo de acto. Queremos que o PP recapacite e elimine esta axuda e que finalmente non se realice a capea"

O BNG explica que a capea, para a que se propón unha axuda de 1.463 euros, acadou unha das puntuacións máis alta nas baremacións, á altura de actividades como o Serán Magosteiro (cunha proposta de axuda de 841 euros) ou os Bailes no Cuartel da ANPA da Escola Municipal de Música (con 569 euros de subvención). 

"PSdeG e BNG rexeitamos por completo que se conceda unha subvención para este tipo de acto. Queremos que o PP recapacite e elimine esta axuda e que finalmente non se realice a capea", sinala a edil socialista Diana Pereira en conversa con Praza, e aclara que non teñen nada en contra desa entidade que, de feito, presenta outra solicitude para a organización dunha ruta e unha feira cabalar -que se vén facendo dende hai anos- e que si contará co seu voto positivo. Pola súa banda, o BNG denuncia que "unha actividade deste tipo non cumpre coas bases" ao non poder ser considerada unha actividade cultural e sinala que "se están restando recursos a actividades que si supoñen promoción da cultura e defensa do noso patrimonio, da nosa música ou fomento de actividade cultural". "Parécenos unha burla unha subvención para unha capea que na memoria da actividades se xustifica en que 'é unha das tradicións máis ancestrais de Moraña' mentres, por exemplo, actividades todo un día co alumnado da Escola Municipal de Música teñen que realizarse con 500 euros", sinala a formación nacionalista

A organización da capea tamén é denunciada pola Asociación Animalista Libera, que iniciou unha recollida de sinaturas online que supera xa os 25 mil apoios. A entidade cualifica de "surrealista" a iniciativa da Asociación Cabalar de Santa Xusta e critica que -de realizarse finalmente- se leve a cabo nunha parcela municipal, onde se instalaría a praza portátil. 

Os animais "son atormentados, ridiculizados e forzados nun acto alleo ao seu comportamento natural, e finalmente son enviados a un matadoiro"

Libera lembra que os animais empregados "son forzados a un transporte en duras condicións, tendo en conta as cada vez máis altas temperaturas do verán que aínda comeza" e que unha vez na praza portátil "son atormentados, ridiculizados e forzados nun acto alleo ao seu comportamento natural, e finalmente son enviados a un matadoiro, polo que o feito de que non existan terzos de sangue non exime de crueldade". A entidade insta o Concello de Moraña a non facilitar medios nin fondos para actividades de malos tratos animais e afirma que "a única intención desta capea sinalada para o 23 de xullo é fomentar unhas prácticas alleas á comarca", convertendo Moraña ou Valga en "illas de crueldade cara aos animais".  O novo proxecto de Lei de Benestar Animal, nestes momentos en proceso de debate no Parlamento galego, mantén un catálogo de exclusións no comezo do texto normativo, para manter os espectáculos taurinos dentro da legalidade.

 

Este domingo, capea en Valga

Este domingo celebrarase en Valga unha capea taurina -xa realizada nos últimos anos- no marco da denominada "Festa da Xuventude". Tito de Victoriano, Pepiño de Barcia e Pardaliño serán os tres toureiros participantes e "Palmeña" e "Zapateadora" as reses que sufrirán o espectáculo, procedentes da gandaría Brazuelas (Valladolid).

Nesta ocasión as críticas mesmo chegaron por parte da Xunta, aínda que non por temas relacionados co maltrato animal, senón co carácter machista do cartel da celebración

O evento leva semanas espertando críticas en toda Galicia, ao igual que en anos anteriores. Nesta ocasión as críticas mesmo chegaron por parte da Xunta, aínda que non por temas relacionados co maltrato animal, senón co carácter machista do cartel da celebración. Nel, pódese ler que un dos mozos participantes é "Pepiño, que o ano pasado máis ben foi Pepiña" (en referencia, supostamente, á súa falta de valentía á hora de enfrontarse ao animal). A Secretaría Xeral de Igualdade sinalou que se está "difundindo unha mensaxe con estereotipos sexistas, por canto se asocia o masculino con valentía ou habilidade para enfrontarse ao reto e, en cambio, asóciase a mala actuación do lidador na anterior edición con afeminamento".

 

Capea en Valga, en 2014 © Festa da Xuventude
Capea en Valga, en 2014 © Festa da Xuventude
Imaxe do cartel denunciado Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.