A costa galega é a menos protexida de todo o Estado

A Praia de Silgar, en Sanxenxo ten Bandeira Azul neste 2017 © Turgalicia

A franxa litoral galega non é, afortunadamente, a Costa do Sol nin outros espazos do Mediterráneo profundamente saturados pola construción e a desfeita urbanística. Porén, tamén sufriu nas últimas décadas unha forte presión urbanizadora. Greenpeace vén de publicar o seu informe Protección a Toda Costa, que analiza o estado actual da protección e desprotección na costa española. O documento estuda as zonas de maior valor ambiental xa protexidas, as que están urbanizadas (e nas que, polo tanto, sería difícil actuar) e, sobre todo, aquelas aínda libres e "cuxa conservación é relevante para o futuro e que, lamentablemente, son moi cobizadas polo urbanismo".

O informe debulla a situación do litoral nalgúns indicadores. Primeiro, a porcentaxe de costa na que se construíu incumprindo a lei (ocupando o Dominio Público Marítimo Terrestre), un ranking negativo no que Galicia ocupa por fortuna posicións baixas: Pontevedra, 13ª provincia entre as 22 que teñen mar; A Coruña, 18ª; e Lugo, 20ª. Segundo, a porcentaxe de ocupación nos primeiros dez quilómetros de litoral (un indicador no que Pontevedra aparece xa como a quinta provincia máis caturada). E, terceiro, o incremento relativo da ocupación artificial entre 1987 e 2011, anos de crecemento da burbulla inmobiliaria e construción sen control, un indicador no que Lugo xa xorde en cuarta posición (só por detrás de Castellón, Barcelona e Huelva), cun aumento do 81,3%, e A Coruña no noveno lugar (cun crecemento do 40,8%).

Tan só o 3,1% do litoral pontevedrés, o 3,3% do lucense e o 9,1% do coruñés conta con figuras de protección, ocupando as provincias galegas tres dos últimos seis postos na lista

O documento analiza igualmente a proporción de litoral que conta con algunha figura de protección, concluíndo que o 27% da costa española está legalmente protexida, unha porcentaxe que en Galicia é moi inferior: tan só o 3,1% do litoral pontevedrés, o 3,3% do lucense e o 9,1% do coruñés conta con figuras de protección, ocupando as provincias galegas tres dos últimos seis postos na lista. Greenpeace alerta a este respecto que "os datos indican que non desapareceu a ansia por seguir ocupando os primeiros quilómetros de costa e os arredores dos parques naturais. A flexibilización de normativas como a nova Lei de Costas, a Lei de Impacto Ambiental e a indiferenza ante sentenzas xudiciais como no hotel do Algarrobico parecen ser os catalizadores dunha segunda idade de ouro para o ladrillo".

O informe estuda tamén as tendencias presentes e as zonas que poden sufrir nun futuro unha alta presión urbanizadora, destacando oito espazos en Galicia

O informe estuda tamén as tendencias presentes e as zonas que poden sufrir nun futuro unha alta presión urbanizadora dado que na actualidade ou non están protexidas ou se atopan preto de zonas xa urbanizadas e ben comunicadas. En Galicia, en concreto, destaca oito: Fisterra-Río Xallas, Louro, Corrubedo-Noia, Boiro-Catoira, Foz-Barreiros, o fondo da ría de Vigo, o fondo da ría de Arousa e A Illa de Arousa. O documento sinala outras ameazas para o litoral galego, ou espazos especialmente estragados, coma a contaminación da Ría do Burgo ou o bloqueo á fervenza do Ézaro pola minicentral de Ferroatlántica.

 

Elefantes brancos no litoral

Greenpeace detalla tamén unha serie de elefantes brancos no litoral galego, "infraestruturas en desuso, fracasadas ou de impacto ambiental inaceptable". 

  • Ascensor panorámico de San Pedro, na Coruña
  • Polígono de Morás, en Arteixo
  • Hotel Sada Marina
  • Porto Exterior de Punta Langosteira, en Arteixo.
  • Planta de ENCE en Lourizán
  • Recheos no Porto de Marín
  • Fábrica de Arnosa, en Sanxenxo, que -segundo denuncia o informe- "extrae arxila para refractarios e soterra residuos nos ocos deixados polas extraccións", modificando a liña de costa e efectuando recheos sobre o mar".
  • Área amnistiada de Moaña, con vivendas indultadas en contacto directo coa auga
  • O núcleo urbano de Sanxenxo

 

Anuncios de pisos e parcelas, na costa de Barreiros © Google
Vista aérea de Sanxenxo © Google Maps
Evolución da presión urbanizadora en Barreiros © Greenpeace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.