O "colosal" parque eólico que ameaza unha serra virxe da Costa da Morte

Esteiro do Anllóns dende o miradoiro do Pico de Sinde © Salvemos Cabana

Un conxunto de catro grandes aeroxeradores, cunha altura tope de 151 metros, na Serra do Gontón -nos concellos de Zas e Cabana de Bergantiños- e nas inmediacións da Rede Natura. Este é o proxecto que Parque Eólico Mouriños SL, filial de Gas Natural Fenosa, pretende situar ante o esteiro fluvial do río Anllóns e nunha das últimas serras virxes que queda na Costa da Morte. A magnitude e as afectacións denunciadas levan a colectivos como Salvemos Cabana ou a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) a presentar alegacións a un plan que vén de ser sometido a información pública xunto co estudo de impacto ambiental, posto tamén en dúbida. 

O parque eólico prevé catro grandes aeroxeradores que superarían os 150 metros de altura nunha serra virxe e ante o esteiro do Anllóns

Do proxecto destaca nomeadamente a súa magnitude, con muíños de vento que poderían superar os 150 metros, unha altura equivalente a un edificio de 40 pisos e que superaría en 90 metros a da Torre de Hércules. O edificio máis alto de Galicia, a Torre Costa Rica na Coruña, alcanza os 119. "4 aeroxeradores de 2,5 MW de potencia nominal unitaria con xerador asíncrono, montados sobre fuste tubular metálico, cunha altura ata a buxa de 84 metros e un diámetro de rotor de 132", destaca a empresa, que prevé un investimento de máis de 10 millóns de euros. Para Salvemos Cabana, a súa posta en marcha "afectaría de maneira irreparable a magnífica paisaxe do esteiro fluvial do río Anllóns, hipotecando sen remedio o futuro desenvolvemento turístico sustentable da área".

O proxecto atópase en fase de alegacións; a SGHN xa presentou as súas e Salvemos Cabana prevé facelo axiña

O parque eólico prevé a ocupación de ata 102.000 metros cadrados e afectaría os intereses de 234 propietarios nunha "das últimas serras virxes da Costa da Morte" e cun mirador, o do Pico de Sinde, que é un dos máis espectaculares en Galicia e no Estado. Ademais, segundo Salvemos Cabana, o proxecto situaríase ao pé do esteiro do río Anllóns, da Zona de Especial Conservación (ZEC) Costa da Morte, da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Morte Norte e a menos de un quilómetro da Important Bird Area (IBA), con máis de 300 tipos distintos de aves.

A plataforma ve incompatible un parque eólico de "dimensións colosais" cun turismo "de calidade" que ten "a paisaxe como principal valor engadido". Ademais, considera que suporía unha "hipoteca permanente para o futuro da comarca" polo que prevé presentar axiña alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental (EIA) que se atopa en información pública ata o vindeiro 4 de agosto.

Varios colectivos critican as "dimensións colosais" dun parque que, segundo denuncian, tería unha forte afectación sobre a paisaxe e a fauna

A SGHN, pola súa banda, xa presentou alegacións a un estudo por parte da filial de Gas Natural que, di, "continúa coa tradición da mala, ou nefasta, avaliación de impacto ambiental dos parques eólicos en Galicia". Así, asegura que en canto ao impacto visual só ten en conta "a altura media dos aeroxeneradores de só 84 metros (ata a buxa) e non a altura total real dos aeroxeneradores, de 151 metros desde a posición máis alta das pas" e acusa a compañía de "non avaliar o impacto paisaxístico" dende un dos miradores naturais "máis coñecidos e apreciados da contorna". 

Ademais, a SGHN advirte da "deficiente" avaliación do impacto potencial do parque sobre a fauna de aves e quirópteros ao teren realizado un traballo de campo só durante un mes, e acusa a Gas Natural de "pretender facer pensar que a mortalidade de vertebrados voadores por colisión contra os aeroxeneradores será moi baixa cando esta, segundo varios estudos, situaríase entre os 1.500 e os 5.300 individuos anualmente polas instalacións eólicas previstas. 

O colectivo, xa que logo, presentou as alegacións ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria nas que pide que se avalíe "con detalle e rigor" as posibles afeccións do proxecto sobre os hábitats de interese comunitario e de conservación prioritaria na UE e o seu impacto real paisaxístico e sobre diversas especies. De feito, e segundo denuncia Salvemos Cabana, o proxecto do Parque Eólico Mouriños poría en perigo a escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus), un paxaro en perigo de extinción que está incluído no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e que está sometido a un plan de recuperación da Xunta desde 2013. 

© Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.