Outubro en Cangas: Un espazo para amosar que outro mundo é posible

Presentación da 'Mostra do Posible' en Cangas Dominio Público Praza Pública

Cangas acollerá os vindeiros 7 e 8 de outubro a Mostra do Posible, un evento que busca servir como punto de encontro entre as organizacións que traballan na economía social e a cidadanía, un espazo para que movementos sociais e empresas de economía solidaria dean a coñecer a súa actividade. O encontro está organizada pola Rede de Solidariedade Popular (RSP) de Vigo e conta co apoio do Concello de Cangas.

O evento busca servir como punto de encontro entre as organizacións que traballan na economía social e a cidadanía

O evento terá dous espazos diferenciados. A primeira delas é un amplo espazo de encontro na Alameda Nova onde os colectivos poderán colocar postos informativos dende os que dar a coñecer as súas actividades ao tempo que tecen redes con colectivos afíns. O segundo consta dun ciclo de obradoiros e ponencias que se desenvolverá durante toda a fin de semana no edificio do Concello de Cangas. As actividades organízanse en cinco seccións: Economía, traballo, e finanzas; Saúde, alimentación e coidado do entorno; Educación, cultura, e medios de comunicación; Urbanismo, abastecementos e refugallos; e Dereitos sociais.

David Esperón, un dos organzadores do encontro, salienta que o obxectivo é “amosarlle á cidadanía que existen xa propostas alternativas que permiten a construción dun mundo máis xusto”. "Facemos isto para amosar que existen alternativas para cada ámbito, dende o xornalístico ao económico, no que funcionan entidade de finanzas éticas, moedas sociais, cooperativas de consumo eléctrico...", di. Hoxe en día, engade, “é posible contratar a factura da luz cunha cooperativa de enerxía verde, depositar cartos en entidades de banca ética ou mercar produtos ecolóxicos certificados por un selo horizontal e democrático”. Porén, sinala que esas alternativas “apenas son coñecidas pola xente común”, o que “limita moito a súa capacidade de medrar e acadar unha verdadeira forza transformadora”. 

Estas alternativas “apenas son coñecidas pola xente común”, o que “limita moito a súa capacidade de medrar e acadar unha verdadeira forza transformadora”

Entre as organizacións que xa confirmaron a súa participación están a Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia (REAS), Nova Escola Galega (que presentará un novo número da Revista Galega de Educación), a cooperativa enerxética Nosa Enerxía ou Ecoar, que organizará o obradoiro “Acción social: Melloras no traballo grupal”.

A Mostra do Posible e a asociación cultural A Tiradoura de Cangas chegaron a un acordo de colaboración para que as persoas asistentes a ao evento poidan facer uso, de xeito completamente gratuito, da área de acampada da asociación cultural, situada a poucos metros da Alameda.

 

Presentación da 'Mostra do Posible' en Cangas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.