Redondela retira unha exposición do Colectivo Republicano tras recibir queixas policiais

Aspecto orixinal da exposición © Colectivo Republicano de Redondela

A pasada semana foi inaugurada no Multiusos da Xunqueira (Redondela) a exposición "Criminalización do pensamento", organizada polo Colectivo Republicano da vila pontevedresa. A mostra contiña fotografías que amosaban actuacións de antidisturbios en protestas que se produciran na localidade na década dos oitenta (por exemplo en 1987 tralo peche de Regojo) e outras de cargas policiais en distintos puntos do Estado, con letreiros que indicaban "Isto pasaba no 1987 en Redondela" e "Estamos no 2017 e seguen a mallar en nós. Que está pasando?". Ademais, entre bandeiras republicanas ofrecíase información sobre a actuación represiva da ditadura (por exemplo coa detención e execución de Xosé Humberto Baena, un dos últimos asasinados polo Franquismo).

Porén, dous días despois o colectivo recibía unha comunicación do Multiusos da Xunqueira, que lles informaba de que "seguindo as instrucións da Concelleira de Cultura" foran recollidos todos os elementos que contiñan a mostra (fotografías, carteis e bandeiras) sendo "custodiados nas instalacións da Policía Local de Redondela a petición da Comisaría da Policía Nacional de Vigo-Redondela". A exposición xerara malestar en colectivos policiais, coma a Unión Federal de Policía (UFP), que xa o venres denunciaba a través das redes sociais que a mostra "fomentaba o odio cara á Policía Nacional", algo que cualificaba como "moi grave". A UFP solicitaba que o alcalde de Redondela, do Partido Popular, "retirase esas fotografías e manifestacións dun espazo público".

A voceira do Goberno municipal da localidade, Carmen Amoedo Dasilva, indica que "no momento que tivemos coñecemento do contido da exposición, procedeuse á súa retirada. Dende o Concello de Redondela queremos amosar o noso total respecto e admiración cara á Policía Nacional".

O Concello xustificou o peche da mostra en que "incitaba á violencia contra a Policía Nacional", sinala Marcos Lareira

O Concello xustificou o peche da mostra en que "incitaba á violencia contra a Policía Nacional", sinala Marcos Lareira, secretario do Colectivo Republicano de Redondela, que rexeita esta acusación e denuncia que a retirada "supón un atentado contra a liberdade de expresión" e, ironicamente, engádese ao propio tema da exposición, titulada "Criminalización do pensamento". Ao parecer, sinala Lareira, máis que as fotografías, na Comisaría da Policía Nacional molestara o cartel no que se podía ler "Estamos no 2017 e seguen a mallar en nós. Que está pasando?". Lareira comenta ademais que antes da retirada, xa ao día seguinte da inauguración, dende o Concello demandárase a retirada dunha gran bandeira tricolor que ocupaba toda unha parede do espazo, que a entidade substituíu por unha máis pequena.

O Colectivo recibiu xa varios ofrecementos de espazos e entidades na vila de Redondela para expor o contido censurado nas instalacións municipais

O secretario do Colectivo Republicano afirma que "non entendo a actitude da Policía Nacional, nin a actuación da Policía Local, requisando un material que é noso" e destaca que nas últimas horas recibiron o apoio de todos os partidos que conforman a oposición municipal, que asistirán a unha asemblea que a entidade convocou para a noite deste martes. Nesta xuntanza decidiranse as accións a adoptar, entre elas o futuro da mostra, xa que o Colectivo recibiu xa varios ofrecementos de espazos e entidades na vila de Redondela para expor o contido censurado nas instalacións municipais. Semella que outro Efecto Streisand está en camiño.

 

Mensaxe recibida polo Colectivo Republicano, informando da retirada do contido da mostra Dominio Público Praza Pública
A mostra, despois de que o Concello solicitase substituír a bandeira republicana por outra máis pequena © Colectivo Republicano de Redondela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.