0 Gardados para despois

A Xunta promociona o turismo en Galicia cunha imaxe dunha balsa de residuos tóxicos

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O Goberno galego puxo en marcha este verán unha nova campaña de promoción do turismo, baixo o slogan xeral de Dáme Galicia, baseada na utilización de imaxes e comentarios reais publicados nas redes sociais. O obxectivo era destacar lugares fermosos -paisaxes, monumentos, recunchos do país...- para animar a visitalos. Porén, chama poderosamente a atención que entre eses espazos que deben representar a beleza de Galicia e o seu atractivo turístico, un dos escollidos por Turgalicia fosen as balsas de residuos mineiros do Monte Neme, en Carballo.

A propia Xunta confirmou a presenza de augas tóxicas, con "alarmantes niveis de aluminio e baixos niveis de pH"

O anuncio apareceu recentemente nun xornal impreso, amosando (nunha imaxe publicada hai un tempo en Instagram) unha rapaza sentada á beira dunha das lagoas artificiais nas que a propia Xunta confirmou a presenza de augas tóxicas, con "alarmantes niveis de aluminio e baixos niveis de pH". Foron as mesmas balsas que hai tres anos e medio -o 10 de febreiro de 2014- rebentaron, provocando un vertido de 24 mil metros cúbicos de lodos, auga e pedras, que provocaron danos en Aviño (Malpica) e Razo da Costa (Carballo) e xeraron unha grande alarma entre a poboación.

O sorprendente reclamo turístico foi destacado pola organización ecoloxista ADEGA nas súas redes sociais, cualificando a escolla de "surrealista" e destacando que "así será o turismo do futuro coa Lei de Depredacion".

ADEGA cualifica a escolla de "surrealista" e destaca que "así será o turismo do futuro coa Lei de Depredacion"

Este mesmo verán o colectivo Salvemos Cabana denunciou que tres anos e medio despois do desastre, "as antigas áreas de explotación de wolframio e áridos seguen supoñendo un perigo real ante a falta de vixilancia e medidas de seguridade e a desidia institucional por parte dos departamentos responsables da Xunta de Galicia". A entidade critica que o Goberno galego segue sen cumprir as prometidas actuacións de restauración do espazo e que nin sequera adoptou as medidas de seguridade que serían preceptivas no complexo abandonado en virtude da normativa galega e europea en vigor. 

"Dende entón, e co máis que cuestionable plan de restauración aprobado pola Xunta de Galicia, que para nada dá unha solución real á problemática ambiental derivada da explotación mineira do Monte Neme, as actuacións reducíronse unicamente á instalación dalgúns avisos pero sen o establecemento dun valado de seguridade nin vixilancia de ningún tipo", afirma Salvemos Cabana, que sinala que na situación actual da antiga canteira existe un perigo potencial" en caso de "incremento repentino" das chuvias.

Salvemos Cabana denuncia que "as antigas áreas de explotación de wolframio e áridos seguen supoñendo un perigo real ante a falta de vixilancia e medidas de seguridade e a desidia institucional por parte da Xunta"

A situación está paralizada pola inacción da Xunta, que mantén que debe ser a antiga concesionaria da mina (a empresa Leitosa) quen se faga cargo dos custes de restauración. Porén, Leitosa estivo dende 2012 en concurso de acredores, despois de ter cambiado de mans varias veces nos anos anteriores, sendo finalmente vendida en poxa pública. Leitosa chegou a ter como administrador a Vicente Cotino, sobriño do ex-presidente das Cortes Valencianas Francisco Cotino, imputado na trama Gürtel en relación co financiamento irregular do PP en Valencia. A empresa recibiu, ademais, importantes subvencións da Xunta entre 2003 e 2004 e novamente entre 2008 e 2010.

O pasado mes de maio o Concello de Carballo anunciou que estaba a preparar a demanda para reclamar pola vía xudicial a indemnización polos danos provocados polos vertidos da balsa que rompeu en 2014.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.