200 arquitectos do COAG ofrécense para comprobar a seguridade das construcións afectadas polos incendios

Un incendio preto das casas en Baíña (Baiona) CC-BY-SA Praza Pública

O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) habilitou este martes unha listaxe aberta para colexiados e colexiadas dispostas a axudar no proceso de recuperación das construcións danadas polos incendios dos últimos días. Os profesionais do COAG amósanse “sobrecollidos e indignados” e quixeron "solidarizarse" ofrecendo apoio gratuíto ás familias perxudicadas. En tan só un día, recollendo a proposta da colexiada Elisa Otero Ouro, inscribíronse máis de 200 arquitectos e arquitectas que poderán axudar nas revisións de edificacións e outras construcións para que os e as propietarios vexan se poden ou non entrar no seu inmoble sen perigo, así como realizar informes, asesorías técnicas e outro tipo de inspeccións e traballos.

A Xunta de Goberno do Colexio explica que a reacción do colectivo está sendo “espectacular”. “Debe existir un proceso de colaboración onde todos os arquitectos galegos interesados en axudar ás familias despoxadas dos seus lares teñan unha canle de apoio e comunicación. Temos mans para ofrecer”, destaca o COAG.

Os arquitectos poden inscribirse nesta listaxe a través da web do COAG. Así mesmo, aqueles cidadáns e cidadás interesadas en obter información sobre esta vía colaborativa poden dirixirse ao Colexio de Arquitectos de Galicia a través do enderezo de correo electrónico coagaxuda@coag.es. Do mesmo xeito, os Concellos que foron afectados poderán dirixirse ao Colexio desde os seus servizos sociais para canalizar e coordinar este voluntariado das arquitectas e arquitectos de Galicia.

 

Un incendio preto das casas en Baíña (Baiona) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.