Folgoso do Courel: Un exemplo práctico de abandono do rural

Unha paisaxe típica do Courel, no lugar de Visuña CC-BY manuelfouce & anaramos

Folgoso do Courel é un extenso concello (68 quilómetros cadrados) da alta montaña lucense. A complexa orografía e o mal estado das estradas fan ademais que os desprazamentos entre os distintos lugares do municipio sexan moito máis custosos. Comparte con outros concellos rurais galegos a deficiencia nos servizos para a poboación, pero representa un dos casos máis extremos de desatención. Nestes momentos dispón dun só médico para atender os seus dous centros de saúde (en Folgoso e en Seoane), un profesional que debe desprazarse de un a outro local para pasar consulta, tres horas en cada un. Ademais, esta semana o sanitario tivo que atender a unha urxencia, polo que os dous Centros de Saúde ficaron pechados durante toda a mañá.

Nestes momentos dispón dun só médico para atender os seus dous centros de saúde (en Folgoso e en Seoane), un profesional que debe desprazarse de un a outro local para pasar consulta

A cousa complícase aínda máis se ten que atender un doente no seu domicilio. Nunha comarca cunha elevada dispersión poboacional, a falta de atención no centro de saúde pode alongarse durante horas, xa que hai aldeas que están a media hora ou case unha hora en coche dos núcleos máis importantes. No caso dunha urxencia, os doentes teñen que trasladarse a Quiroga, co gasto económico e de tempo que iso supón.

A situación é denunciada polos dous grupos da oposición municipal, PSdeG-PSOE e Courel Vivo. “Os veciños acoden ao centro medico e esperan na consulta ata que cansan, e se non son atendidos volven ao dia seguinte e atopan o mesmo panorama. Onde están os servizos básicos e elementais que anuncia o PP? No Courel non están”, afirma Carmen Álvarez (PSdeG). "Non lles chega con afogar á Montaña, con non investir un can nin en estradas, nin na residencia, nin en farmacia de garda, nin en nada. Senón que nos recortan o pouco que temos", sinala Óscar Carrete (Courel Vivo).

A falta de persoal sanitario xa fora advertida hai meses. Daquela o xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, afirmara que no verán non había médicos suficientes nas listas para cubrir todas as baixas. "Pero claro, ao final as penalizadas son as zonas afastadas, as zonas de montaña, que deberiamos ter en todo caso unha discriminación positiva, e é ao revés", critica Carrete, que engade que "o que nos din os sindicatos é que as propias características das contratacións -por poucos días- fan que aos profesionais que están nas listas non lles compense cubrir as baixas no Courel".

"Non hai un servizo sanitario de calidade no Courel", resume o voceiro de Courel Vivo, que enumera outras moitas eivas que sofre a poboación deste concello. "Estivemos un ano sen servizo de farmacia, que finalmente se resolveu parcialmente porque o Concello puxo un local provisional a outra farmacia, para que puidese dar servizo", comenta. "O problema é que esta farmacia só está aberta polas mañás, polo que se pasa algo pola tarde ou o médico de garda necesita algo de urxencia, a xente ten que ir ata Samos, Pedrafita ou Quiroga", engade.

“Os veciños acoden ao centro medico e esperan na consulta ata que cansan. E se non son atendidos volven ao dia seguinte e atopan o mesmo panorama. Onde están os servizos básicos e elementais que anuncia o PP?”, afirma Carmen Álvarez (PSdeG)

Carrete critica igualmente as deficiencias no material sanitario do que dispoñen os Centros de Saúde: "déronse casos de pacientes que necesitaban sondas de drenaxe, e que non había; ou un caso recente dun home que chegou cun pau cravado nunha perna, e o Centro non tiña pinzas. Son materiais básicos que sei que foron pedidos á Xunta varias veces, pero que non llelos proporcionaron". "O ano pasado pedimos que a Consellería instalase un desfibrilador, que é un mecanismo sinxelo que pode salvar moitas vidas, pero tampouco nos contestaron", di Outra denuncia refírese ás eivas no servizo de ambulancia: "varias veces chamouse pedindo unha ambulancia medicalizada e a que chega non é medicalizada", di Óscar Carrete que lembra que as centrais máis próximas están en Pedrafita ou Quiroga (a media hora) e denuncia que "moitas veces realízase un trasbordo dos doentes a medio camiño, sendo recollido o paciente por outra ambulancia, que o leva ata Monforte".

A voceira do PSdeG-PSOE en Folgoso do Courel, Carmen Álvarez, denuncia tamén o "abandono indiscriminado" que sofren os veciños do Courel. E refire un caso sucedido a pasada semana, un accidente laboral no que un traballador da canteira caeu dun muro de 5 metros. Ante a gravidade da situación, achegouse un helicóptero para recollelo, pero o aparello non puido aterrar. Finalmente, chegou unha ambulancia, pero dado que o único médico que dá servizo no Concello non podía deixar desatendidos os dous centros de saúde nos que pasa consulta, o ferido tivo que viaxar só na ambulancia ata o Hospital de Monforte. “Esta é a asistencia sanitaria que reciben os veciños que traballan e viven no Courel, co risco que toda esta situación supón para o ferido”, denuncia Carmen Álvarez.

 

Servizo bancario e estradas deficientes

Carrete critica tamén o estado no que se atopan as principais estradas que comunican o Courel internamente e cara ao exterior: "A maior parte das estradas do Courel non teñen quitamedos, a pesar de ser moi estreitas e de discorrer por espazos con pendentes do 60%. E, ademais, están en moi malas condicións, sobre todo a estrada que comunica a comarca co norte, con Pedrafita do Cebreiro, algo que leva anos sendo denunciado".

Carrete critica tamén o estado no que se atopan as principais estradas e reivindica a construción dunha residencia para a terceira idade

O voceiro de Courel Vivo reivindica tamén a construción dunha residencia para a terceira idade no concello de Folgoso: "A maior parte da poboación do Courel pasa de 60 anos e levamos décadas pedindo a construción dunha residencia. O ano pasado SUPLUSA, un centro asociado á Deputación, aprobou a terceira parte do orzamento. E primeiro debe derrubarse un edificio previo e despois comezar a construción da residencia". "Semella que a cousa aínda vai para varios anos, eu calculo que para unha década", destaca.

Outras queixas refírense á cuestión do cuartel da Garda Civil, un edificio de tres andares dos que dous están baleiros. "Fixemos unha petición para que o Concello puidese aproveitar ese espazo baleiro, pero tampouco tivemos resposta". O peor é que o cuartel está case inoperativo: non teñen servizo de denuncias e remítenche ou a Monforte ou a Pedrafita [a 50 minutos] para calquera cousa. Pola súa banda, a voceira socialista denuncia tamén "os problemas de seguridade e roubos que vive a vila" e coincide en que malia o importante investimento no Cuartel da Garda Civil, o espazo "non se utiliza para nada". “Na porta do edificio hai un cartel que indica un numero de teléfono para chamar a emerxencias, esta é a seguridade coa que atenden aos veciños da Montaña, chamar por telefono”, criticou.

"Unha administración que queira apostar polo rural debería comezar por garantir uns servizos básicos para a poboación. E, despois, poñer en marcha políticas que fomenten o desenvolvemento desa zona e que fagan que a xente non marche de aquí. Pero non se está cumprindo nin o máis mínimo"

Finalmente, tanto Carrete coma Álvarez, destacan que na última semana Folgoso do Courel estivo sen conexión a Internet, o que provocou que a oficina de Abanca na localidade non puidese ofrecer servizos de depósito ou retirada de cartos. "Se isto pasase nunha zona urbana, non ía estar un concello toda unha semana sen comunicación", denuncia o voceiro de Courel Vivo.

Óscar Carrete salienta que "hai que diferenciar entre un certo rural, como pode ser Tomiño, ao lado de Vigo e nunha zona moi poboada, e Folgoso do Courel, situado nunha zona de montaña". "Non se está apostando pola Montaña", resume. "Unha administración que realmente queira apostar polo rural debería comezar por garantir uns servizos básicos para a poboación. E, despois, poñer en marcha políticas que fomenten o desenvolvemento desa zona e que fagan que a xente non marche de aquí. Pero aquí non se está cumprindo nin o máis mínimo", conclúe.

 

Centro de Saúde de Folgoso do Courel © PSdeG-PSOE
Feijóo, nun acto en Folgoso do Courel © Conchi Paz
Folgoso do Courel CC-BY-NC Fran Eirín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.