0 Gardados para despois

A Lei de Custodia Compartida: Un paso atrás nos dereitos da muller?

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O pasado 17 de outubro o Parlamento galego aprobou a toma en consideración da proposición de lei de corresponsabilidade parental e de relacións familiares no cese da convivencia, impulsada pola Asociación de Pais e Nais Separados de Galicia a través dunha ILP. A iniciativa pretende que a custodia compartida de nenos e nenas sexa a opción preferente en caso de separación dunha parella, mesmo se non hai acordo entre eles, unha disposición que para o movemento feminista, entidades sociais e partidos de esquerda supón "un paso atrás" nos dereitos da muller, sobre todo daquelas máis desprotexidas social e economicamente.

"A posibilidade da custodia compartida xa existe na lexislación e ademais é moi habitual. Hai custodia compartida cando as dúas partes están de acordo en facelo. De onde vén esta necesidade de lexislar unha custodia compartida imposta?", di Pilar Estévez

"O texto inclúe cousas que son moi graves", destaca Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), que xa presentou as súas alegacións á proposición de lei. En primeiro lugar, AGAMME considera que a modificación normativa é "innecesaria" e non achega "solucións para diminuír a conflitividade dos divorcios e separacións, que por outra banda non é elevada". "Se as familias atopan vías de resolución da situación coa lexislación vixente, impoñer unha forma preferente pode implicar unha inxerencia inxustificada no ámbito das liberdades persoais", engade. O mesmo pensa Pilar Estévez, da Plataforma Feminista Galega: "A posibilidade da custodia compartida xa existe na lexislación e ademais é moi habitual. Hai custodia compartida cando as dúas partes están de acordo en facelo. De onde vén esta necesidade de lexislar unha custodia compartida imposta? Por que impoñela cando resulta que unha parella non foi quen, na súa convivencia, de decidir que queremos isto?". "Se non existe un consenso familiar anterior, como vas impoñer ese consenso de forma obrigada?", di.

Para Abel Lamas, a lei é necesaria porque "o nivel de conflitividade que se produce na actualidade nas separacións e divorcios segue sendo altísimo"

Pola contra para Abel Lamas, representante da comisión promotora da ILP, a lei é necesaria porque "o nivel de conflitividade que se produce na actualidade nas separacións e divorcios segue sendo altísimo" e salienta que na actualidade a custodia compartida só é decidida no 16% dos casos en Galicia e que "seguimos tendo unhas porcentaxes moi altas de procesos que litixian nos xulgados". Dende AGAMME, mentres, responden a estes datos lembrando que o pasado ano "o 76,6 % dos divorcios e o 85,1% das separacións foron de mutuo acordo" e que unha porcentaxe semellante se resolveu en menos de seis meses, sendo apenas o 5% a porcentaxe de procesos que superaron os 12 meses de duración. A entidade conclúe que "a conflitividade non é tan elevada como se pretende" e que "as familias atopan vías bastante áxiles para resolver este trámite co marco normativo vixente". "A custodia compartida está recollida na lexislación estatal como un dos modelos de organización das relacións paterno e materno-filiais logo da separación ou divorcio", engade. 

 

Corresponsabilidade

Esta proposta "dálle as costas a unha realidade de desigualdade que existe na sociedade ao respecto da convivencia, e que sufrimos as mulleres"

Os colectivos contrarios á proposta sinalan que, en efecto, a custodia compartida e en xeral a "corresponsabilidade parental" é a opción máis conveniente, tanto despois dunha ruptura como durante toda a relación. "Como non se vai ver como algo positivo que se comparta a custodia dos fillos?", sinala Pilar Estévez. Porén, alertan de que esta proposta "dálle as costas a unha realidade de desigualdade que existe na sociedade ao respecto da convivencia, e que sufrimos as mulleres". "Segue existindo unha gran desigualdade no que respecta a quen se ocupa dos coidados dos nenos e nenas, non existe corresponsabilidade. Quen sofre o desgaste, tanto profesional como persoalmente de desenvolver ese ámbito de traballo e coidados na casa?", salienta Estévez. "A custodia compartida é o marco ideal nun contexto de relación de igualdade. É unha vella reivindicación feminista, pero en todo o proceso da relación, non só cando a relación remata", engade.

Abel Lamas sinala que na proposición de lei "a cuestión da corresponsabilidade non se suscita con anterioridade ao cese dunha relación". "As parellas poden organizarse internamente, e isto é o que hoxe a sociedade entende como positivo, pero aí non entra un xuíz a regulalo", di. Con todo, o texto si que fai fincapé nesta cuestión, sinalando na súa exposición de motivos que "a igualdade substancial entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida é unha constante nas democracias máis desenvolvidas, un obxectivo primordial na consecución dunha sociedade máis xusta e igualitaria" e que "nun tempo no que o modelo de familia ten cambiado radicalmente no relacionado coa atención, coidado e formación de fillos e fillas e no que se procura a igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, tamén no familiar, é necesario dar resposta a unha realidade social na que miles de nenos e nenas vense afectados pola separación dos seus pais e nais".

"O problema da falla de igualdade entre homes e mulleres non se atalla a través dunha reforma lexislativa sobre os procedementos de divorcio senón a través de medidas no ámbito da educación, das garantías das mulleres traballadoras, de campañas que promovan a asunción dos deberes parentais dos proxenitores en igualdade de condicións dende o momento do nacemento da crianza", salienta Estrela Gómez. 

"Dunha minoría que non é quen de resolver o seu marco de convivencia de forma adecuada queredes facer o marco xeral de resolución de conflitos? É inconcibible"

"A situación actual non é un privilexio para as mulleres. É un privilexio que en moitos casos a muller sexa a única ou a principal responsable do coidado de fillos e fillas?", pregúntase Pilar Estévez. "Dunha minoría que non é quen de resolver o seu marco de convivencia de forma adecuada queredes facer o marco xeral de resolución de conflitos? É inconcibible, sobre todo porque obvia que vivimos nunha sociedade machista e patriarcal na que moitos homes non se responsabilizan do coidado das súas crianzas dende o primeiro momento", conclúe. Estévez aposta finalmente por "desenvolver e mellorar o marco xurídico actual, para que sexa beneficioso para a convivencia e a corresponsabilidade, partindo de consensos na relación de parella".

 

Violencia de xénero

"Esta lei obvia que hai moitos casos nos que a violencia de xénero non se denuncia"

Un dos aspectos máis criticados nesta lei é o relacionado coa situación na que quedarían as mulleres e menores vítimas de violencia de xénero. A proposición só sitúa fóra da aplicación da custodia compartida como opción preferente aqueles casos nos que "a persoa proxenitora fora condenada penalmente por sentenza firme por un delito de violencia doméstica ou de xénero contra o outro membro da parella ou contra os fillos e fillas que convivan con ambos" e só "ata a extinción da responsabilidade penal".

"Esta lei obvia que hai moitos casos nos que a violencia de xénero non se denuncia", lembra Pilar Estévez. "A proposta pasa por riba da violencia machista e reduce as limitacións a que haxa unha sentenza firme. Canto se tarda en chegar a unha sentenza firme? Moitísimo tempo", destaca Estrela Gómez, que engade que hai unha ampla "porcentaxe de vítimas -nenos, nenas e mulleres- que pasan inadvertidos ou que non son confirmados polo sistema penal". E conclúe que "a ILP propón un marco normativo que entraría en conflito cos avances en materia de protección das vítimas do delito, en concreto as vítimas de violencia de xénero e os nenos e nenas vítimas de abuso sexual no ámbito familiar".

"As medidas que propón a ILP virían a empeorar a situación desas vítimas, ao priorizarse unha forma de custodia que outorgaría ao agresor maior control sobre elas", alerta AGAMME. A entidade explica que "en lugar de estudarse a opción máis adecuada en función das necesidades especiais de cada neno ou nena, incluídas posibles reticencias ou negativas cara a un dos proxenitores por causas xustificadas, os nenos e nenas vítimas non recoñecidas polo sistema penal deberán loitar contra a forza dun principio establecido para garantir dereitos dos seus proxenitores e que os poñería en situación de vulnerabilidade". 

AGAMME fai fincapé tamén en que o texto prevé que "os membros da parella poderán outorgar, antes ou durante a relación estable, contratos que prevexan a ruptura da convivencia e regulen as relación familiares cos fillos", uns contratos que "obrigarán as persoas asinantes". Para a entidade trátase dunha "proposta preocupante, que se relaciona con prácticas típicas que aplican os agresores sobre as súas vítimas, consistente en pechar o seu espazo de acción".

 

Protección da parte máis débil

"Cando non existe unha igualdade real, a lei ten que protexer a parte máis débil. Non é un privilexio", salienta Pilar Estévez, que chama a atención sobre algúns aspectos da formulación proposta. "A iniciativa obvia a situación de desigualdade de homes e mulleres e serve á pretensión de forzar os intereses e a posición dalgúns homes que queren regular a ruptura da parella, e non a unha saudable reivindicación da corresponsabilidade familiar", di. E engade que "hai informes xurídicos que destacan que a formulación que se propón desvía a protección que a lexislación actual garante para as partes máis necesitadas: as crianzas e a parte máis débil da parella, a muller, que tivo que quedar na casa coidando os fillos e fillas ou que lles dedicou moito máis tempo, en prexuízo da súa vida laboral ou persoal".

A proposta "encobre unha realidade que afecta a moitas familias monoparentais, que son maioritariamente sostidas por mulleres. A mulleres que viven en situación de pobreza e que son quen máis están sufrindo os desafiuzamentos"

A proposta "encobre unha realidade que afecta a moitas familias monoparentais, que son maioritariamente sostidas por mulleres. A mulleres que viven en situación de pobreza e que son quen máis están sufrindo os desafiuzamentos, en moitos casos porque o home non se quixo responsabilizar da subsistencia dos fillos e fillas e do pagamento da vivenda", conclúe. "As mulleres continúan a dispoñer de menos tempo para mellorar a súa situación laboral, formarse ou buscar un emprego remunerado, así como para realizar actividades de ocio, con evidentes repercusións no seu desenvolvemento persoal, dependencia económica, saúde, etc. Pola contra, os homes continúan a delegar as tarefas de coidado das persoas dependentes, incluídos os fillos e fillas menores de idade nas súas parellas, tendo á súa vez máis oportunidades no ámbito laboral e máis tempo de ocio", lembran igualmente desde AGAMME.

"O sistema proposto implica favorecer ao proxenitor con máis medios, que na inmensa maioría dos casos será o home"

De igual xeito, Estrela Gómez sinala que "o sistema proposto implica favorecer ao proxenitor con máis medios, que na inmensa maioría dos casos será o home". O texto prevé que "naqueles casos de coparentalidade compartida na que unha das persoas proxenitoras teña a imposibilidade para acceder a unha vivenda, poderase adxudicarlle o uso da mesma", pero só "por un período de tempo de dous anos, ampliable en doce meses no caso excepcional de persistir tales circunstancias ou similares que deron lugar a esa situación". Ademais, este dereito quedaría anulado "por matrimonio ou convivencia en parella estable con outra persoa, por parte da beneficiaria do uso".

 

A opinión dos e das menores

"Como premisa fundamental, salvo en caso de rexeitamento por parte do neno ou nena, e/ou existencia de indicios de violencia, é san e beneficioso para o seu desenvolvemento e para o seu benestar manter relación o máis continuada posible con ambos proxenitores", recoñecen dende AGAMME. Con todo, Estrela Gómez destaca que "todas as cuestións relacionadas con convivencia con proxenitores ou con visitas teñen que estar supeditadas ao interese superior do neno. E este interese dos nenos é nenas non son de carácter xeral, senón que son diferentes en cada caso".

Sinala ademais que "en lugar de observar o marco normativo internacional na consideración dos nenos e nenas nos procesos xudiciais, que é tendente a que consigan maiores cotas de participación, aquí só se di de pasada que 'hai que escoitalos'". "O marco normativo actual aposta por que a súa opinión sexa determinante", di. Abel Lamas, pola súa banda, afirma que "cando hai controversia entre os pais, presúmese que hai que pedirlle aos nenos o seu parecer. O parecer dos nenos sempre é relevante, sempre se debe ter en conta. Pero isto non debe derivar na xudiciliación da vida dos menores".

 

As posibilidades de aprobación da lei

Lamas afirma que "contamos cunha disposición especialmente propicia por parte do PP e do PSOE, que se amosaron favorables a tomala en consideración e a mellorala"

Nas vindeiras semanas o Parlamento comezará a traballar na tramitación desta proposición de lei, que ten aberto o período de presentación de alegacións. Hai dúas semanas PP e PSdeG-PSOE votaron a favor da súa toma en consideración, votando o BNG en contra; En Marea rexeitou participar no debate demandando que a cámara tratase a problemática dos incendios. O grupo socialista destacou, iso si, que se trataba "dun texto manifestamente mellorable” e  emprazou "a melloralo no debate parlamentario", xa que na súa opinión resultaba “dubidosamente constitucional”.

Patricia Vilán sinalou que “é discutible que teña encaixe no noso Dereito Civil Foral”, o que non se saberá ata que o Tribunal Constitucional non se pronuncie sobre a Lei de Adopción de Galicia". Sobre esta cuestión, Abel Lamas destaca que "Galicia, a diferenza doutras comunidades, conta cunha compilación previa de Dereito Civil propio, o que si lle permitiría lexislar sobre estas cuestións". “Temos leis que regulan as parellas de feito, e os procesos de adopción e tutela”, exemplificou. “Está en discusión que isto poida superar as competencias galegas. É unha cuestión que os xuristas deberán abordar”, conclúe.

Patricia Vilán (PSdeG-PSOE) sinalou que “é discutible que teña encaixe no noso Dereito Civil Foral”, o que non se saberá ata que o Tribunal Constitucional non se pronuncie sobre a Lei de Adopción de Galicia"

Lamas afirma que "contamos cunha disposición especialmente propicia por parte do PP e do PSOE, que se amosaron favorables a tomala en consideración e a mellorala. E esperamos que aínda que En Marea non se pronunciou e o BNG votou en conta, sendo conscientes da relevancia social desta problemática trasladen as súas propostas para a mellora do texto". Explica que agora "vai haber unha primeira etapa na que se trasladará a cuestión competencial á comisión de apoio para que estude a legalidade da proposta en función do Dereito Civil galego. Unha vez que dende esta comisión se faga unha proposta que se considere completamente constitucional e respectuosa das competencias de Galicia, abrirase un período de traballo no que se escoitarán distintos especialistas do ámbito xudicial e psicosocial".

En opinión de Estrela Gómez, "o Parlamento non vai aprobar determinadas cousas desta lei porque irían contra dereitos fundamentais". "Pero parécenos perigoso que chegase a este punto da tramitación", advirte. "Hai moito silencio sobre este tema, e córrese o risco de que este tema se aprobe sen que se entere a sociedade", di. Pola súa banda, Pilar Estévez anuncia que o movemento feminista galego solicitará reunirse con todos os grupos parlamentarios para comunicarlles a súa posición contraria a unha lei que, destacan, supón un paso atrás nos dereitos das mulleres.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.