0 Gardados para despois

70 concellos e máis de tres mil comercios tinxiranse de negro contra as violencias machistas

Redacción | @prazapublica

Achégase o 25 de novembro -Día Internacional Contra a Violencia Machista- e regresa a campaña En negro, contra as violencias. Iniciada hai tres anos no Concello de Santiago como Compostela en Negro, xa o pasado ano estendeuse a outras 16 localidades e nesta terceira edición chegará a 70 concellos e a máis de 3.000 establecementos comerciais e entidades sociais. 

Participan 70 concellos das catro provincias e de todas as cores políticas, entre eles cinco das sete cidades (todas, agás Ourense e Vigo); ademais, están tres das catro deputacións provinciais (todas, agás a de Ourense)

A campaña, que busca visibilizar nos espazos públicos a repulsa contra as violencias machistas, desenvolverase do 23 ao 26 de novembro. Se o pasado ano foron A Coruña, Ames, Cangas, Carballo, Compostela, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Santiago de Compostela, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas as localidades que apoiaron a iniciativa, despregando faixas e colocando carteis de cor negra alusivos á campaña e animando ás entidades e establecementos locais a facer o mesmo, neste 2017 a acción crece exponencialmente. Participan 70 concellos das catro provincias e de todas as cores políticas, entre eles cinco das sete cidades (todas, agás Ourense e Vigo); ademais, están tres das catro deputacións provinciais (todas, agás a de Ourense). 

A iniciativa quere chegar tamén aos centros de ensino, e en Compostela o Concello buscará a implicación dos institutos da cidade, que este ano colocarán unha pancarta en cada centro. A maiores, facilitaráselles unha unidade didáctica para que poidan usar os colexios no marco do 25 de novembro. O día 21 haberá ademais dúas charlas sobre igualdade en dous institutos de Compostela a cargo do Comando Igualdade, un grupo de rapaces e rapazas feministas. Búscase tamén asulagar as redes sociais de mensaxes ligadas á campaña, e dende a web xa se poden descargar as imaxes asociadas a ela, para colocar en webs e perfís.

Compostela, cidade na que se iniciou este movemento, segue ser a localidade na que máis comercios apoian a iniciativa, con máis de 500, unha cifra que aínda pode incrementarse nas vindeiras semanas. Tamén se unen a Galicia en Negro empresas como Inditex, El Corte Inglés ou Gadisa, que levarán o negro aos seus centros e tendas de toda a comunidade.

A concelleira compostelá de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, deu a coñecer este xoves os detalles da terceira edición da campaña, facendo fincapé no impulso da participación da veciñanza, cando menos en Santiago: "Está previsto, a semana próxima, enviar unha postal a cada casa para informar sobre esta campaña e convidar a todo o mundo a que se implique. Animamos a veciñas e veciños a prender das ventás bandeiras de roupa negra para ser altofalantes da campaña e comprometerse a facer dos seus fogares espazos libres de violencia".

O vindeiro luns 6 de novembro viaxará a Bruxelas unha delegación dos 17 concellos adheridos o ano pasado para explicar as claves da campaña no Parlamento Europeo

Marta Lois destacou, igualmente, que o día 15 de novembro se asinará un protocolo de colaboración para o desenvolvemento da campaña onde estarán representantes dos 70 concellos adheridos. "Un dos sinais de Compostela en Negro" -engadiu Lois- "é a unión de todos os municipios cun obxectivo común como é a loita contra as violencias machistas, independentemente do territorio ou da cor política". A concelleira tamén avanzou que o vindeiro luns 6 de novembro viaxará a Bruxelas unha delegación dos 17 concellos adheridos o ano pasado para explicar as claves da campaña no Parlamento Europeo. Haberá unha acción de rúa na explanada diante do Parlamento Europeo cunha performance e reparto de material e camisetas.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.