0 Gardados para despois

Profesorado da USC reclama "un cambio de rumbo" na política rural para loitar contra o lume

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"Con este manifesto pretendemos facer unha chamada de atención á sociedade no seu conxunto e aos nosos responsábeis políticos sobre a necesidade dun debate público sereno e profundo acerca das causas dos lumes forestais. Un debate que supere as explicacións banais e produza un cambio de rumbo nas políticas territoriais, particularmente nos eidos ambiental, forestal e agrogandeiro". Máis de oitenta docentes e investigadores da USC que traballan en áreas de coñecemento ligadas ao ámbito territorial demandan unha nova política para o rural galego a través do manifesto Por unha nova política para o rural galego, que foi presentado este mércores no edificio de Vicerreitorías do campus de Lugo.

O documento pide "un debate público sereno e profundo acerca das causas dos lumes forestais"

O documento foi lido por Dolores Vázquez, da área de Ecoloxía, e Emilio Díaz Varela, do departamento de Enxeñaría Agroforestal, que fixeron un chamamento a buscar unha solución á problemática dos incendios, unha "reflexión que ten que estar apoiada non en suposicións ou opinións difundidas en medios de comunicación, senón no coñecemento científico-técnico achegado desde unha multiplicidade de fontes", segundo destaca o texto. O documento pide "un debate público sereno e profundo acerca das causas dos lumes forestais" e reclama "consenso social e político" para acadar un "cambio de rumbo nas políticas territoriais, particularmente nos eidos ambiental, forestal e agrogandeiro", que se "teñen demostrado ineficaces á hora de avanzar cara un rural vivo".

"É necesario ter unha visión dende varios ámbitos distintos; unha visión, ademais, colectiva, que permita observar o problema en toda a súa dimensión, evitando análises simplistas"

"A idea do manifesto foi nacendo a partir das conversas que mantiñamos no día a día varios docentes e investigadores despois da vaga de lumes. Fomos chegando á conclusión de que era necesario pronunciarse ao respecto dende o punto de vista académico. Fómonos sumando máis persoas e foi tomando corpo a iniciativa de darlle forma de manifesto. Sobre todo cando viamos que moitas das novas que se publicaban, ou das opinións que circulaban polas redes sociais eran moi parciais ou incorrectas, ou que se deixaban levar polo momento, por dicilo dalgunha maneira", explica o profesor Emilio Díaz.

O documento está asinado por docentes das áreas de enxeñaría agroforestal, produción vexetal, botánica, bioloxía, xeografía, economía, historia ou antropoloxía, entre outras. "É necesario ter unha visión dende varios ámbitos distintos; unha visión, ademais, colectiva, que permita observar o problema en toda a súa dimensión, evitando análises simplistas", salienta Díaz Varela, que subliña que "os incendios non son tanto o problema como unha das manifestacións dun problema máis profundo, causados por unha series de desequilibrios no rural que levan ao seu abandono".

O documento pide "aplicar de xeito efectivo a lexislación vixente" pois "necesitamos mecanismos que permitan que se cumpra o xa establecido en materia de distancias, aproveitamento ou conservación ambiental"

"Temos que comezar xa a traballar na análise do acontecido", reclama o manifesto, que invoca un debate "que supere as explicacións banais" e que leve á aplicación de medidas que -advirten- "só deixarán sentir os seus efectos a medio e longo prazo e que ademais, poden ser difíciles de aceptar por unha parte importante da poboación". Os e as asinantes demandan "abordar a ordenación territorial" incidindo na "planificación de espazos rurais e urbanos, conservación da biodiversidade e mitigación do cambio climático, así como nas necesidades ambientais e socioeconómicas do país".

O documento pide "aplicar de xeito efectivo a lexislación vixente" pois "necesitamos mecanismos que permitan que se cumpra o xa establecido en materia de distancias, aproveitamento ou conservación ambiental". E esixe "integrar a diversificación de usos e o aproveitamento racional dos recursos existentes coa finalidade de frear a perda de terras de uso agrario de elevada aptitude e a destrución de espazos de grande valor ambiental". "Precísase dunha ordenación do sector forestal baseada en criterios de sustentabilidade ambiental e económica, diversificación de especies e produtos, respecto ás infraestruturas verdes e á rede de espazos protexidos", reclama. Finalmente, aposta por "transformar o actual dispositivo de extinción de incendios, recoñecendo o esforzo dos/das traballadores/as do servizo e o elevado risco que enfrontan", ao tempo que se lles dá máis protagonismo aos labores de prevención".

O texto esixe "integrar a diversificación de usos coa finalidade de frear a perda de terras de uso agrario de elevada aptitude e a destrución de espazos de gran valor ambiental"

O obxectivo é "a consecución dun modelo de xestión que permita superar a situación actual e proporcionar unha nova oportunidade ao noso medio rural", pois os e as asinantes amósanse convencidas de que "sen as ferramentas axeitadas, o futuro da nosa sociedade e do medio que a acolle pode verse seriamente comprometido".

"É un texto de consenso, amosa os puntos que que as persoas asinantes nesta primeira aproximación consideramos fundamentais. Porén, é necesario un proceso de debate e investigación e de elaboración de propostas máis concretas. E, ademais, é necesario trasladalo á sociedade, porque é imprescindible unha maior participación social nesta cuestión.", subliña Emilio Díaz, que explica que "calquera docente que se queira adherir, vai ser benvido; é un documento aberto. E queremos poñelo a disposición de calquera sector da sociedade ou entidade de todo tipo que queiran participar e construír un debate a partir del".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.