0 Gardados para despois

Cuac FM resiste: "Quérennos roubar as palabras"

Redacción | @prazapublica

Cuac FM resiste. Así reza a pancarta coa que posaron os varios centos de asistentes á presentación este sábado do Manifesto polo dereito a comunicar na Coruña. Un expediente da Xunta obrigou a esta radio comunitaria da cidade con máis de vinte anos en antena a deixar de emitir en FM, baixo ameaza dunha sanción de entre 100.000 e 200.000 euros e logo de numerosos intentos por conseguir a licenza. 

O apoio cidadán-e nomeadamente dos movementos sociais- a esta emisora volveu quedar patente no acto celebrado ao mediodía no que varios persoeiros públicos deron lectura a este documento para reivindicar "o dereito á libre información e comunicación, á liberdade de prensa nos países democráticos e á regulación dos medios comunitarios a nivel galego e do conxunto do estado". Os xornalistas e escritores Manuel Rivas, Estíbaliz Espinosa e Antón Luaces foron os encargados de ler un manifesto que recolle xa sinaturas para apoiar a loita dun medio comunitario que segue a retransmitir por internet e que conta cun fondo recoñecemento ao seu labor na Coruña. 

Manuel Rivas, Estíbaliz Espinosa e Antón Luaces leron un manifesto que recolle xa sinaturas contra o peche e por unha licenza para Cuac FM

Antes desa lectura, Manuel Rivas non dubidou en denunciar que estamos a vivir "nun tempo de roubo, de apropiación e subtracción das liberdades, da democracia, da xustiza ou dos mínimos dereitos laborais; é a subtracción, no fondo da condición, porque tamén nos están subtraendo ese xeito de defendernos que é vivir, da idea comunitaria". Para o escritor, este latrocinio ten un primeiro obxectivo que é "subtraer as palabras". "Teñen que roubarnos as palabras; ese por qué no te callas é o que define o poder; matar a disidencia, o que aquí, dentro das asociacións, se está a construír hoxe", engadiu, quen insistiu en que é ese poder o que quere "roubarnos as palabras" e "quedar" co sentido delas. "Por iso Cuac FM é tan importante como a voz de cada un, a voz insubmisa porque as palabras non poden servir para dominar", rematou. 

"Cuac FM é tan importante como a voz de cada un, a voz insubmisa porque as palabras non poden servir para dominar", dixo Rivas

Antón Luaces e Estíbaliz Espinosa tamén reivindicaron o labor desta radio comunitaria antes  de ler un manifesto no que se lembra o traballo de Cuac FM durante eses case 22 anos, o importante altofalante que supón para movementos sociais con escasa presenza nos medios comerciais ou o valor que ten para a lingua galega, ao ser a emisora privada con maior presenza do idioma propio. Ao tempo, denuncia que o expediente aberto contra ela é "o último dos intentos de persecución e clausura por parte dunhas administracións que, en vez de velar pola liberdade de expresión e a pluralidade informativa, prefire calar as voces reivindicativas dos máis febles". E lembra que "España segue sen garantir o dereito dos medios comunitarios a ter unha licenza para prestar un servizo comunitario sen ánimo de lucro". 

O manifesto reclama o "arquivo inmediato das accións sancionadoras,a concesión dunha autorización temporal de emisión e a redacción dunha Lei de Comunicación"

Por todo isto, o manifesto reclama a defensa efectiva do dereito de liberdade de expresión é comunicación da cidadanía, o inmediato arquivo do expediente sancionador incoado pola Xunta e das actividades coactivas en curso contra medios libres e comunitarios en todo o Estado, o recoñecemento destes medios, a concesión de licenzas a aqueles servizos audiovisuais de comunicación comunitaria que estivesen en activo antes do 1 de xaneiro de 2009, a posta a disposición de espazo radioléctrico e licenzas para aqueles servizos audiovisuais de comunicación comunitaria que operen dende data posterior, a eliminación dos límites arbitrarios existentes na lexislación actual para o desempeño dos servizos de comunicación audiovisual comunitaria e sen ánimo de lucro e a redacción dunha Lei de Comunicación que trate en condicións de igualdade ao terceiro sector da comunicación. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.