0 Gardados para despois

Denuncian que Facebook censura o tráiler dun filme galego de temática homosexual

Redacción | @prazapublica

Nove de Novembro é unha longametraxe galega dirixida por Lázaro Louzao, ao que entrevistamos hai uns meses, que conta a historia dunha parella homosexual a finais da década dos 80. O filme, que se estreará nos vindeiros meses, publicou este venres o seu tráiler. Porén, á hora de difundir o vídeo a través de Facebook a través da fórmula de contidos promocionados (pagados como publicidade), a plataforma informou aos seus responsables de que a publicación incumpría coas súas políticas de publicidade por conter "cantidades excesivas de pel" (é dicir, persoas espidas) ou un "contido suxestivo", advertindo que Facebook non permite imaxes que amosen persoas en posicións explícitas (é dicir, sexuais) ou que amosen nudez ou escotes.

“Cando me chegou o aviso de que non se aprobaba a promoción da publicación supuxen que sería por un fallo do programa co que revisan as publicacións” explica Louzao, que reclamou a restrición aplicada pola rede social. “Reclamei que se o programa recoñecía moita pel na imaxe era porque había primeiros planos das caras dos protagonistas, porque de feito non saen espidos en ningún momento”, comenta. Nun primeiro momento a empresa aceptou a reclamación, para despois volver restrinxir o contido unha hora despois. “Non é a primeira vez que Facebook ten problemas para aceptar contidos LGTB na súa páxina”,  denuncia o director.

En efecto, no vídeo dun minuto de duración non aparece ningunha persoa espida nin escena sexual ningunha. Tan só, durante uns segundos, dous homes deitados na cama (en camiseta) que falan e finalmente danse un bico. Hai uns meses Lázaro Louzao destacaba que a pesar dos avances en moitos campos, dende o estritamente legal ata a normalización e visibilidade social da homosexualidade, "séguense a atopar barreiras todos os días". E comentaba que "un dos actores protagonistas compartiu en Twitter unha das imaxes que ilustra o filme -na que que se ve a dous homes bicándose- e aparecíalle a mensaxe de que a fotografía podía 'ferir certas sensibilidades'”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.