0 Gardados para despois

A devolución do Pazo de Meirás, a debate en Bruxelas

Redacción | @prazapublica

BNG, Bildu, Compromís e ERC organizan este luns 20 de novembro no Parlamento europeo a xornada de debate O Franquismo despois de Franco, na que intervirán investigadores, representantes políticos e asociacións pola memoria. A situación do Pazo de Meirás e as iniciativas a prol da súa devolución serán un dos temas centrais da conferencia, que se poderá seguir en directo en streaming a partir das 15 horas e co hashtag #FranquismoPostFranco. A apertura da Conferencia correrá a cargo de Jordi Solé, Josu Juaristi, Ana Miranda e Jordi Sebastià. O programa completo pode consultarse nesta ligazón.

A situación do Pazo de Meirás e as iniciativas a prol da súa devolución serán un dos temas centrais da conferencia

Un dos paneis, de feito, titulado Impacto económico do Franquismo: portas xiratorias e riqueza espoliada e presentada por Emilio Grandio, profesor de Historia Contemporánea da USC, contará coa participación de Carlos Babío (Asociación da Recuperación da Memoria Histórica de A Coruña) e Manuel Lourenzo (investigador), autores do libro Meirás, un Pazo, un caudillo, un espolio. Os dous debullará o caso como "exemplo de impunidade e persistencia do franquismo económico”.

Pero a situación do Pazo de Meirás, os efectos da ditadura franquista en Galicia e as iniciativas galegas de recuperación da memoria histórica están presentes en case todos os paneis. Así, a primeira sesión, Franquismo post franco: persistencia e continuidade institucional, ataques á liberdade de expresión, presentada por Ana Miranda (BNG) contará coa participacion de Goretti Sanmartín, Vicepresidenta da Deputación da Coruña, que falará sobre “A devolución do Pazo de Meirás como símbolo da fin da ditadura 42 anos despois da morte de Franco”. E de Lourenzo Fernández-Prieto, profesor da USC, que ofrecerá o relatorio “O apagón do franquismo”. Ademais, intervirán Ramón Cotarelo, catedrático da UNED, e Guillermo Martínez-Vela, director de El Jueves.

No segundo panel, Políticas europeas de memoria: Accións de recuperación da memoria histórica, de Italia a España, pasando por Bruxelas, Antonio Míguez Macho, profesor da USC, exporá “A xenealoxía xenocida no Proxecto nomesevoces.net”.

No terceiro, Impacto do franquismo nas identidades nacionais no estado españolUxío-Breogán Diéguez, presidente da Fundación Alexandre Bóveda, falará sobre “Franquismo, Memoria Histórica, Identidade e Cuestión nacional” e compartirá mesa con outros hitoriadores de Euskadi, Cataluña e Valencia.

Os debates poderán seguirse en directo en streaming

A derradeira sesión, titulada Dereitos humanos e memoria democráticaMatias da Torre (Iniciativa Galega pola Memoria-IGM) desenvolverá “A recuperación da Memoria Histórica en Galiza, un traballo da sociedade civil”, xunto con representantes doutras entidades de memoria de todo o Estado.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.